A mineira de Touro fai desaparecer o río Portapego nun tramo de 200 metros

Aldea Viva presentou una denuncia ante Augas de Galicia polas obras efectuadas sen as autorizacións preceptivas nas inmediacións do nacemento do río Portapego. Para sorpresa da veciñanza de Touro, o leito do río no seu tramo inicial, xusto detrás da polémica área de servizos do concello, está completamente seco dende fai dúas semanas.

A través dun comunicado, explican que este río atravesa o núcleo municipal ate desembocar no Lañas, tributario do río Ulla. Nos últimos tempos fíxose moi popular polo seu pésimo estado, sen vida algunha nas súas augas, como outros moitos ríos e regatos próximos á explotación mineira. Esta situación, afirman, “puido xerar incomodidade para os promotores da mina pola mala imaxe que proxecta, e que dalgún xeito simboliza a súa despreocupación durante todos estes anos”. So deste xeito o colectivo medioambientalista atopa explicación á supresión de aproximadamente 200m. de treito de río sen contar con ningunha autorización por parte de Augas de Galicia.

Aldea Viva tamén puxo de en coñecemento do Concello de Touro, gobernado polo popular Ignacio Codesido, estas irregularidades “para que presente denuncia e exerza as competencias que lle corresponden, algo que non fixo ata o día de hoxe”.

 

A Universidade de Santiago desvincúlase do proxecto de Touro

A pesares de que os promotores da mina presumen habitualmente de contar coa colaboración das universidades galegas no seu proxecto, a USC ven de aclarar, nun correo electrónico dirixido a Aldea Viva que “non existe actualmente ningún contrato ou convenio de colaboración da USC cos titulares da mina”.

Ademais apuntan que tras consultarlle á Consellería pola utilización do nome da institución, recibiron contestación con data do 13 de abril de 2018 indicando que “non consta entre os informes recibidos ata a data ningún asinado por ningunha persoa que se identifique como membro da Universidade de Santiago de Compostela”.

 

Galería de imaxes

 

 

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies