Imaxe: Twitter Paco Fernández

Podemos despide a traballadores aferrándose a unha norma que quere derrogar

Podemos despide con 20 días de indemnización a traballadores próximos a Errejón aferrándose a normas do Estatuto dos Traballadores cuxa derrogación solicitou no Congreso.

Tras confirmarse que Podemos concorrerá ás eleccións á Comunidade de Madrid presentando unha lista alternativa á alianza de Errejón e Manuela Carmena, a formación despedía o pasado martes a 11 traballadores que integraban os equipos cos que traballaba Errejón. En todos os casos, os despedimentos foron coa indemnización mínima que permite a lei nos despedimentos que se consideran procedentes, é dicir, 20 días por ano traballado.

A formación morada alega como causa do despedimento “a necesidade obxectivamente acreditada de amortizar postos de traballo por causas organizativas e económicas, para proceder a unha mellor distribución dos recursos humanos e materiais” de cara ás vindeiras eleccións xerais, autonómicas, municipais e europeas. O partido aférrase a normas do Estatuto dos Traballadores vixente, que criticaron en numerosas ocasións esixindo a súa derrogación.  

Esta actuación constata que Podemos non espera acadar bos resultados nos próximos procesos electorais, pois unha das causas que esgrimen para recortar postos de traballo é que a previsión de ingresos diminuíu e que o adianto electoral minguará as súas subvencións no Congreso e no Senado ata o 20 de maio, data na que deben constituírse as novas Cortes.   

Bustinduy renuncia á candidatura de Podemos para as europeas

A dous meses das eleccións, Pablo Bustinduy, identificado como un dos grandes errejonistas, candidato da formación morada para as eleccións europeas do 26 de maio, abandona a primeira liña da política alegando motivos persoais.

Nun texto publicado onte nas redes sociais, manifesta que “é unha decisión persoal, da miña enteira responsabilidade e, como digo, moi difícil, pero non teño dúbidas de que dar o relevo é unha decisión virtuosa”.

Trala renuncia de Bustinduy, María Eugenia Rodríguez Palop, será a encargada de liderar a papeleta de Podemos nas eleccións europeas.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies