Imaxe: Facebook En Marea

En Marea recolle case 7000 sinaturas en 48 horas

A Xunta Electoral requiriu a En Marea que, nas 4 provincias, recollese aproximadamente 3000 sinaturas para poder presentarse ás eleccións xerais. En 48 horas, a formación recolleu máis do dobre das que se lle requiriran.

A Xunta Electoral, organismo encargado de velar pola transparencia e obxectividade do proceso electoral, considerou que En Marea non se presentara ás eleccións de 2016 como tal, ao concorrer baixo unha coalición de Podemos, Esquerda Unida, Anova e En Marea, motivo polo que nas 4 provincias se lle solicitou recoller sinaturas do 0,1% do censo da circunscrición.

A pesares de consideralo unha medida inxusta, dende a formación acatárono e, no prazo de 48 horas que se lles deu, reuniron case 7000 sinaturas, superando con moito a cifra de avais requirida.

Tanto nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra recolleron o dobre de avais dos precisos, chegando na de Ourense a recoller case o triplo, pois dos 360 requiridos, colleron mais de 900.

Fai así unha demostración de forza a formación fronte aos menosprezos recibidos por parte de Gómez Reino, número un ao Congreso pola Coruña por En Común Podemos, quen aseguraba que á formación liderada por Luís Villares lle estaba custando recoller os avais precisos.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies