Denuncian portas xiratorias entre o PP e Povisa

Ante a información da existencia de negociacións entre POVISA-SERGAS para evitar a creba anunciada polo hospital privado con concerto singular, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública emite un comunicado denunciando as portas xiratorias.

Dende a AGDSP consideran que “a crise dese hospital privado, que atende a doentes da Sanidade Pública está determinada por contas pouco claras, conflitos de intereses e portas xiratorias”. Engaden que a auditora de POVISA é Deloitte, “que participou na fusión das caixas galegas e na saída á bolsa de Bankia, e que non atopou os buracos millonarios destas entidades financeiras”. María Luisa Brand, que traballaba entón para Deloitte, foi auditora de Caixa Nova durante a crise e é a actual xerente de POVISA.  

Afirman no comunicado tamén que trala chegada de Feijoo ao goberno galego, Rocio Mosquera, directiva de POVISA, foi nomeada Directora Xeral do SERGAS e posteriormente Conselleira de Sanidade mentres María Luisa Brandt foi nomeada xerente de Galaria SA, empresa pública da Consellería de Sanidade. O Consello de Contas advertiu dos graves problemas da súa xestión e das contas pouco claras de Galaria, o que para a AGDSP “xera dúbidas sobre as contas que actualmente aporta POVISA para xustificar o pre-concurso de acreedores. Ademais, Rocío Mosquera, tras ser cesada na Consellería, substituíu a María Luisa Brandt en Galaria, quen á súa vez foi nomeada xerente de POVISA, como se fora “un intercambio de cromos”, pasando esta última “de xestionar unha empresa dependente da Consellería de Sanidade, con acceso á información sanitaria especialmente sensible dos pacientes da área de Vigo, Val Miñor e Morrazo, a xestionar o hospital de POVISA (privado, con concerto singular co SERGAS). 

O ofrecemento do PP a facerse cargo do gasto en medicamentos xerado no centro para doentes ambulatorios suporía que POVISA “prescribiría unha medicación (cada vez máis custosa) que sería pagada polo SERGAS” denuncia a AGDSP.

Polo exposto, dende a AGDSP instan á Consellería de Sanidade a que “faga pública a súa intención de non permitir a chantaxe empresarial e anunciar que, polo interese xeral, pasará a xestionar directamente o hospital POVISA, no caso de que a empresa non garanta a asistencia sanitaria da poboación asignada e os postos de traballo”. Tamén solicitan unha auditoría real e fan un chamamento ás forzas sociais, políticas e sindicais para que se estableza un plan a medio prazo, para ir substituíndo o concerto singular por recursos sanitarios públicos, “que permita rematar coa situación de chantaxe permanente que vivimos na área sanitaria de Vigo”.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies