https://alen.space/es/new-space-spain-2018/

Nanosatélites para desviar asteroides ou apagar lumes

A Universidade de Vigo é pioneira no lanzamento destes nanosatélites e ven de reunir a representantes de empresas e grandes corporacións aeroespaciais para falar do negocio fóra da terra na cidade de Vigo, no primeiro congreso de New Space de toda España, celebrado fai uns días.

O evento, impulsado pola Universidade de Vigo, pioneira no lanzamento destes nanosatélites, que comezou cunha mensaxe gravada do ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, reuniu a preto de 200 persoas relacionadas co sector do new space, tanto empresas como grandes axencias e corporacións, para falar sobre o negocio fóra da terra e as potencialidades dos nanosatélites, que cun peso inferior a dez quilos, ofrecen servizos como vixilancia e observación terrestre, xeolocalización e comunicacións en alta mar.

Todo comezou co Xatcobeo, o primeiro satélite español lanzado en 2012 pola UVigo. Nestes seis anos enviáronse ao espazo 3 satélites para mellorar as comunicacións en misións humanitarias, monitorizar a conca do Amazonas e estudar desvíos de asteroides. Prevese que no prazo dun ano se lancen outros catro, como o LUME-1, que se porá en órbita o 25 de decembro co obxectivo de mellorar a detección de incendios.    

Neste senso, “por exemplo nun parque natural, cando o sensor detecta un lume, a través do satélite comunica coa estación base, envíase un dron para caracterizar o lume, toda a información se envía á estación e decídese a mellor maneira de loitar contra o incendio”, explicou Guillermo Lamelas, de Alén Space.  

Ata fai uns anos, só as grandes axencias e corporacións podían acceder ao espazo, hoxe en día con 100.000 euros pódese construír un nanosatélite dun quilo. Por isto, os expertos falan dunha “democratización do espazo”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies