Protestas en defensa do noso mel

O Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Apicultura farán unha protesta o 11 de decembro en Compostela en defensa do noso mel, para denunciar os abusos da industria do mel a produtores e produtoras e ás persoas que consumen.

A mobilización inscríbese nunha convocatoria da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) a nivel estatal que propiciará accións en 18 cidades baixo o lema “En defensa do noso mel, por un sector apícola rendible e sostible”.

Centos de apicultores e apicultoras concentraranse en todo o estado fronte a grandes superficies comerciais para reclamar maior control das importacións e sucedáneos de mel de baixa calidade, especialmente de China, e unha etiquetaxe máis transparente que obrigue a detallar o país de orixe.  

Para Ángel Díaz, responsable do sector apícola de COAG, “a situación é perversa e insostible, producimos un dos mellores meles do mundo, pero a industria deixou de mercalo porque prefire abastecerse de importacións de baixa calidade de terceiros países”. O propio Parlamento Europeo describe os efectos desta situación nun dos seus últimos informes, asegurando que “as importacións de baixa calidade, a adulteración e os sucedáneos distorsionan o mercado e exercen unha presión continua sobre os prezos e, en última instancia, sobre a calidade do produto no mercado interior”.   

En 2017 acadáronse cifras de record de importación: nunha década duplicouse a entrada de mel foráneo: a nivel estatal, pasouse de 16.000 toneladas en 2007 a 32.000 na última campaña.  

A Asociación Galega de Apicultura quixo sumarse tamén a esta protesta, co obxectivo de “divulgar a importancia do consumo de mel galego fronte a produtos importados que non garanten calidade nin beneficio pra a nosa sociedade”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies