https://lidiasenra.gal/lidia-senra-e-paula-v-verao-reclaman-un-plan-integral-para-o-desenvolvemento-das-zonas-galegas-de-montana/?fbclid=IwAR2KQSBFeDD1xO9TkT1vohjYv85MXhYTBjw44rw_zKRwHZLhHjZ5uC1a4c0

Lídia Senra e Paula Verao reclaman un plan integral para o desenvolvemento das zonas de montaña

Lídia Senra e Paula Verao presentarán iniciativas no Parlamento Europeo e Galego para defender os servizos públicos de coidados, preservar o patrimonio e apoiar a agroecoloxía

A deputada galega no Parlamento europeo Lídia Senra e a deputada de En Marea no Parlamento galego Paula V. Verao ven necesario “que as Administracións públicas poñan en marcha canto antes un plan integral para o desenvolvemento das zonas de montaña galegas, dotado con capacidade orzamentaria suficiente para blindar todos sos servizos sociais públicos hoxe en perigo ou serio deterioro”.  

Lídia Senra aseguro que “urxe aplicar políticas que permitan manter unhas montañas vivas”, á vez que considera fundamental “levar a cabo un maior e correcto desenvolvemento da Lei de Dependencia, cun maior apoio público para o coidado dos maiores”. Senra tamén fixo énfase en que “é fundamental incluír as necesidades da montaña nos planos estratéxicos da Política Agraria Común” e reclamou a necesidade de “preservar o patrimonio cultural e a biodiversidade que hai nas montañas, o que pasaría por un apoio decidido ao desenvolvemento dunha agricultura e gandeiría en base á agroecoloxía que permita a labregos e labregas vivir do seu traballo”.    

Pola súa banda, Paula V. Verao denuncia que “as zonas de montaña, vense moi afectadas pola falta de servizos de atención á Dependencia, debido ao seu avellentamento e escaseza de poboación, así como polas súas menores facilidades para a comunicación”, e apunta que dende En Marea “defendemos que se blinden os servizos sociosanitarios nas zonas de montaña, garantindo prazas suficientes de Centro de Día e introducindo en todo o territorio galego a figura da profesional de Traballo Social nos Centros de Saúde, para colaborar estreitamente cos servizos sociais na atención de problemas sociosanitarios que se agravan co avellentamento demográfico”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies