Sabela Ramil: “O respecto ás culturas e loitar por un rural vivo son parte da miña vida”

Sabela Ramil, a cantante pontesa finalista de Operación Triunfo, sempre amosou o seu compromiso tanto coa súa familia como coa súa terra

A maneira de concursar de Sabela Ramil amosou a súa personalidade, deixou unha impronta indeleble. Dende a súa primeira nominación escolleu cancións en galego, e fíxoo, como ela mesma asegurou porque o vía natural, por ser “temas que eran importantes para min, que tiñan un significado na miña historia de vida, ademais de que musicalmente podía sacarlles partido”.

Sabela puxo o foco na cultura galega nun espazo estatal de máxima audiencia como foi Operación Triunfo. Con “Benditas feridas”, canción de Rosa Cedrón, escollida por Sabela, foi a primeira vez que soou un tema en galego no concurso, mais non sería a última.

“Tris Tras”, de Marful, foi a peza escollida pola cantante para interpretar na final do concurso. A autora, Ugia Pedreira, natural de Vilaronte, amosoulle o seu agradecemento a sabela, desvelando que a canción se xestara na serra da Gañidoira, de onde procede a familia de Sabela.

O que para ela é normal, “o respecto e o valor das culturas como un eixo de unión das persoas e non de sesgo”, houbo quen o cualificou como o maior xeito de “normalizar o uso do galego dende o Xabarín Club”, considerando a Sabela como unha “embaixadora da cultura galega”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies