Imaxe: https://enmarea.gal

Podemos valora a ruptura con En Marea sen contar cos seus aliados

A cúpula de Podemos avaliará, tras presentar os resultados da auditoría das primarias, a ruptura con En Marea sen contar con Esquerda Unida e Anova, os seus socios na candidatura “Entre Todas”, integrada polos críticos con Luís Villares.

Non semella haber un posicionamento común no seo de Podemos Galicia, formación liderada por Antón Gómez-Reino, pois a pesares de apostar por escenificar o distanciamento con En Marea, dentro do partido morado son conscientes das repercusións que iso tería a cinco meses das eleccións municipais e as consecuencias que conlevaría para mareas nas que participan como as de Santiago, A Coruña ou Ferrol. Tamén xera controversias a decisión de se levar ou non o proceso á vía xudicial, pois hai quen pensa que isto suporía adiar a situación e xogaría na contra de Podemos de cara ás vindeiras citas electorais.   

Unha semana despois da constitución do Consello das Mareas, coa ausencia dos integrantes pertencentes a “Entre Todas”, as tres organizacións políticas que configuraron a coalición, xerme do partido instrumental,estudan por separado cadansúa estratexia a seguir

Trala paralización das eleccións internas a principios de decembro tras detectarase un acceso irregular ao censo por parte de membros do comité electoral, que posteriormente se vencellarían con Esquerda Unida, a formación liderada por Eva Solla desmarcouse de En Marea antes da celebración das votacións, non participando ao consideralo “un proceso adulterado por parte da dirección do partido instrumental” e cualificando como “ilexítimo” o Consello das Mareas por “ser electo nun proceso irregular”. Eva Solla asegurou nunha entrevista que a súa organización “non ten interese en participar onde non existe espazo para o diálogo político”, ao tempo que descartaba a ruptura do Grupo parlamentar no que se atopa e polo que ocupa a vicepresidencia segunda do Parlamento.   

Pola súa banda, Anova tamén mantén no aire a súa posición, pois un sector da súa militancia apoia a Villares mentres a cúpula chegou a cualificar de “golpista” a actitude do voceiro de En Marea. Dende Anova sinalan que a auditoría encargada sobre a plataforma de voto pertence unicamente a Podemos Galicia e non á candidatura Entre Todas.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies