As declaracións machistas dun alcalde do PP cara a presidenta da Deputación de Pontevedra

Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa, sembrou a polémica ao referirse a Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, como a “chacha para todo do alcalde de Vigo”.

Durán, do Partido Popular, empregou ese calificativo machista en medio dunha rolda de prensa por un conflito entre o concello e a Deputación provincial, onde criticaba que a Deputación se convertera “nun órgano político gobernado polo Concello de Vigo, polo ancián Abel Caballero e pola súa chacha para todo que é Carmela Silva.

Fronte a ese ataque machista, unhas palabras que dende a dirección do PSdeG de Pontevedra consideran “dun carácter machista e profundamente denigrante cara a presidenta e cunha connotación profundamente ofensiva”, piden a dimisión inmediata do alcalde, cuestionando nas redes sociais se Feijoo e o Partido Popular van permitir que os militantes do seu partido sigan insultando e descalificando ás mulleres constantemente. Aseguran “estar fartas de aguantar machistas en política”. O líder socialista Gonzalo Caballero pediu a Feijoo que faga rectificar ao alcalde, e de non facelo, que lle retire o seu apoio, pois apunta “estas declaracións prodúcense escasas datas despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obrigase á Xunta a rectificar os servizos mínimos impostos por razón da pasada folga feminista e apenas un par de días despois de que a voceira parlamentar de igualdade do PPdeG, Marián García, calificase de “floreros” ás ministras de Pedro Sánchez.

A indignación polas palabras de Durán contra Carmela Silva non se limita ao grupo socialista, estendéndose tamén a Gañemos e ao BNG, que o acusan “dunha soberbia sexista que emprega habitualmente nos plenos cada vez que intervimos as mulleres”. 

Elena Cores, voceira de Gañemos Vilanova súmase á petición de dimisión para Durán, “un exemplo de libro do que é o patriarcado machista, que nos plenos nos trata ás mulleres con esa soberbia machista que empregan os que se creen superiores”. A propia Elena Cores viviu en máis dunha ocasión e afeoulle ese comportamento máis dunha vez, chegando a acusalo de dobre moral na defensa dos dereitos das mulleres durante os actos do 8 de marzo, ao “presumir de recoñecementos ás mulleres e despois pechar o CIM ou empregar as palabras “cortita” e “fáltalle un fervor” para referirse a min nun pleno”. 

O edil do BNG, Manuel Portas, apuntaba que “non é a primeira vez que realiza este tipo de declaracións totalmente despectivas, palabras que o definen perfectamente como o que é, un machista, un faltón e un prepotente cunha escasa educación, ademais dun populista”.  

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies