http://www.depourense.es/index.php

O PSOE reprocha a Baltar que premie ao alcalde de Beade e incumpra a Lei de Memoria Histórica

O PSeG-PSOE denuncia que Baltar premie ao alcalde de Beade impulsando a reforma dunha rúa que honra ao ditador Franco cun contrato a dedo e incumprindo a Lei de Memoria Histórica

A voceira provincial do PSdeG, Elvira Lama, denuncia que Baltar é “cómplice e cooperador necesario desta nova patada á democracia, premiando a un alcalde que presume orgulloso dunha ditadura asasina” ao tempo que asevera que “o PP de Ourense abraza ao alcalde de Beade e no lugar de esixirlle que, dunha vez por todas, cumpra as leis democráticas, régao con ducias de miles de euros e pesares de que leva unha década negándose a cambiar o nome da rúa que honra a un golpista”, feito que cualifica como “vergoñento”.  

O investimento, de 48000 euros, importe máximo permitido para poder adxudicar un contrato menor, segundo refiren os socialistas, “está incluído dentro do plan provincial de cooperación ás obras e servizos para o ano 2019, aprobado ás presas durante o último pleno” e que permitirá “a mellora do saneamento da Rúa do Caudillo cuns fondos aportados integramente pola institución presidida polo PP”.   

Os socialistas presentarán alegacións ao citado plan provincial, pois entenden que “o goberno local de Beade incumpre reiteradamente e adrede, dende fai unha década, a Lei de Memoria Histórica”, cuxo artigo 15 recolle expresamente que “as Administracións Públicas tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura”, sinalando expresamente que “entre estas medidas poderá incluírse a retirada de subvencións ou axudas públicas”, polo que esixirán que se retire a achega de 48000 euros para que a Deputación non continúe incorrendo nun incumprimento da normativa vixente, “se proceda a súa valoración e se fose o caso, se modifique o acordo inicial en base ás alegacións expostas, someténdoo a un novo debate plenario”.      

Lama matiza que o PSdeG-PSOE “non está en contra de que se executen as obras para a mellora dos servizos á veciñanza, mais asegura que estas obras deben executarse cando o alcalde deixe de incumprir a lei”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies