A contaminación na Limia é equivalente a 1.600.000 habitantes vertendo augas fecais sen depuración

Lídia Senra solicitou á DX de Medioambiente da CE unha xuntanza a través da cal proporcionar información exhaustiva sobre as verteduras. O MEL e a SGHN exporán a situación tamén a deputados da Comisión de Peticións, onde xa rexistraron a denuncia para ser investigada polo PE.

Representantes do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) e da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) reuniranse o vindeiro martes 27 de novembro en Bruxelas co Xefe da Unidade para o Uso e Xestión da Terra e con persoal experto na xestión de nitratos da Dirección Xeral de Medioambiente da Comisión Europea. O obxectivo desta xuntanza, facilitada pola eurodeputada galega Lídia Senra, é trasladar en detalle a denuncia da vulneración de distintas directivas europeas na Limia por mor dos residuos producidos polas macrogranxas industriais.

Durante a súa estancia en Bruxelas, tamén acompañados pola eurodeputada galega, o MEL e a SGHN terán unha reunión con integrantes da Comisión de Peticións. Precisamente o pasado mércores 21 ámbalas dúas organizacións procederon ao rexistro da súa denuncia nesta Comisión, á que solicitaron “analizar a vulneración de directivas europeas, abrindo unha investigación e contactando cas autoridades competentes no Estado e a nivel galego, para que se paralice na comarca da Limia a instalación de novas granxas e sexan ordenadas as xa existentes para adoptar unha xestión ambientalmente sostíbel dos residuos agrogandeiros xerados que cumpra co dereito da UE”.

Como puido comprobar a eurodeputada Lídia Senra da man destas e doutras organizacións da comarca a principios deste mesmo mes, a saturación de residuos de gando que se está a acumular na Limia é tal que, segundo datos extraídos pola Sociedade Galega de Historia Natural, crean unha situación equivalente a que unha poboación de 1.600.000 habitantes vertera as súas augas fecais sen ningún tipo de depuración.

A día de hoxe a meirande parte das granxas industriais están relacionadas ou impulsadas polo conglomerado de empresas de COREN. Sen embargo, sorprendentemente ningunha Administración pública ten feito unha avaliación medioambiental desta situación. É dicir, até o dagora nunca se tiveron en conta os efectos sinérxicos e acumulativos de puríns e demais verteduras nesta zona de grande sensibilidade hidrolóxica, botánica e faunística. Porén, a Xunta de Galicia e a Consellaría de Medioambiente non só levan anos ignorando as ducias de escritos enviados dende as organizacións medioambientais para alertar desta situación insostíbel, senón que mesmo teñen emitido declaracións de impacto ambiental favorábeis para os proxectos de novas granxas ou ampliacións na cabeceira do río Limia.

“Nesta situación é claro que estamos ante o incumprimento de varias Directivas europeas. A contaminación do chan e da auga, principalmente debido á concentración de nitratos, supera o límite máximo admisíbel para o consumo humano; é urxente pór fin a esta situación que está a afectar á saúde das persoas e deteriorando drasticamente os ecosistemas da comarca da Limia”, describe Lídia Senra.

A rolda de xuntanzas que os 4 representantes do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) e da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) van desenvolver o vindeiro martes na Comisión Europea e no Parlamento, así como o apoio no rexistro da denuncia da situación da comarca na Comisión de Peticións do PE, forma parte das medidas que a eurodeputada Lídia Senra se comprometeu a impulsar a nivel europeo durante a súa visita á comarca a principios deste mes.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies