Imaxe: http://www.sindicatolabrego.com/http://www.sindicatolabrego.com/

O Sindicato Labrego Galego pide a convocatoria da Mesa do Leite polos baixos prezos

Tras perder o sector máis de 7 millóns de euros en decembro, o SLG pide a convocatoria urxente da Mesa do Leite.

O Sindicato Labrego Galego considera urxente a convocatoria dunha Mesa do Leite na que haxa representación de industrias, distribución e organizacións agrarias para abordar a crise crónica de prezos que arrastran as granxas galegas antes de que comece a nova campaña o 1 de abril, e antes de que se asinen contratos á baixa, tal e como vén acontecendo nas últimas semanas.

Os datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria deron un prezo medio en Galicia para o último mes de 2018 de 31,7 céntimos, lonxe dos 35,5 céntimos de media na UE. Vendo estes datos, o SLG non concorda “coa visión idílica que pretenden darnos do sector lácteo dende a Consellaría de Medio Rural, que destacou o incremento na facturación das granxas nun 16% en 2018 con respecto a 2016, sendo un dato tramposo, pois dende 2016 incrementouse a produción e, polo tanto, as vendas, e naquela época, o sector padecía aínda unha das súas peores crises de prezos”, por iso, aseguran “non é de estrañar que en 2018 tivésemos máis ingresos que en 2016”. Os datos, afirman, “confirman o estancamento das nosas granxas no peor valor do Estado e nun dos peores da Unión Europea”.

Na UE so hai peores prezos que en Galicia en Romanía, Bulgaria, Lituania, Hungría e Letonia. Dende o Sindicato alertan de que “se aplicásemos o diferencial entre o prezo medio comunitario e o galego en decembro de 2018, as granxas galegas perderon de ingresar só ese mes 7.152.533 euros”.

Para o SLG, “a situación de baixos prezos que padece o sector lácteo galego está a ser cada vez máis preocupante, sen que a Consellaría de Medio Rural adoptase até agora ningunha iniciativa para enfrontar este problema”.

Lamentan que “o único que se nos veu ofrecendo nos últimos anos para tentar mellorar os prezos foron as Organizacións de Produtores (OPs), pero dende que se creou esta figura en 2012, o labor das OPs en Galicia foi o dun cero á esquerda. So serviron para captar abondosas subvencións a conta do erario público e non facer nada”.

Para o SlG “o único foro onde as nosas granxas poden negociar os prezos debe seguir sendo unha Mesa do Leite onde estean representadas a industria, a distribución e as organizacións representativas do sector”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies