Pedro Sánchez durante unha comparecencia no Congreso dos Deputados // Imaxe: http://www.congreso.es

O PSOE xoga a baza do adianto electoral para tratar de aprobar os orzamentos

Pedro Sánchez amaga con que vai haber un adianto electoral no caso de que os orzamentos do estado non sobrevivan no trámite parlamentario e incluso avanzan que poderían coincidir con municipais e europeas.

O partido socialista está a xogar estratexicamente coa aprobación dos orzamentos pero o trasfondo que se xoga é moito maior.

Por unha banda coa aprobación das contas para o ano 2019 o goberno se aseguraría rematar a lexislatura e iso permitiría marxe de manobra aos de Sánchez pero por outra, a oposición interna no seo do seu propio partido pode precipitar o adianto electoral cos orzamentos como escusa.

Orzamentos do estado. Un fin ou a escusa para adiantar as eleccións?

Os estrategas de Ferraz deseñaron unha situación na que, aínda perdendo, Pedro Sánchez e o PSOE podería saír gañador. Se convence aos seus socios e saca adiante os orzamentos sería unha victoria pero no caso contrario non sería unha derrota. Non parece casualidade que a tramitación do presuposto coincida en datas co xuizo ao procés. Os socialistas asegúranse así, que no caso de non conseguir o apoio dos independentistas, dar unha imaxe de firmeza contra Catalunya desarmando o discurso de PP, Ciudadanos e Vox pero cun efecto extra xa que se saen derrotados se produciría porque votarían xuntas as dereitas e os independentistas.

Ademais do anterior conseguirían un efecto extra: cohesión interna. Ao celebrarse conxuntamente eleccións municipais, autonómicas, europeas e estatais non sería posible o seu sector crítico salvara as súas eleccións sen salvar a Pedro Sánchez. Cunhas elección estatais separadas das municipais e autonómicas sería moito máis doado para o sector susanista deixar caer a Sánchez.

A posición de Podemos a respecto dos orzamentos

Podemos está inmerso nunha guerra interna e vai tratar de salvar os orzamentos por calquera vía. Ter orzamentos significa que o PSOE vai esgotar a lexislatura e iso significa tempo para que pasen as eleccións municipais e autonómicas e finalizar as guerras internas na formación e externas coas confluencias.

A campaña dos de Pablo Iglesias a prol dos orzamentos e incluso maior que a dos socialistas. Gañar tempo é case unha cuestión de vida ou morte para os dirixentes da formación morada e están a botar toda a carne no asador para logralo.

En Marea nunha situación delicada

En Marea está atrapada pola decisión. Por unha banda as deputadas de Podemos e Esquerda Unida – Yolanda Díaz, Gómez-Reino, Ánxela Rodríguez – seguirían a estratexia de Podemos e tratarían de salvar a votación por se sonara a flauta da aprobación orzamentaria pero esta postura non é compartida por todos os deputados do subgrupo.

A formación que lidera Luís Villares tomará hoxe unha decisión sobre que facer na votación pero non está claro que os deputados pertencentes a Unidos Podemos vaian a respectar a decisión que tome a organización confluente e podería haber deputados que respecten as decisións da súa organización política e outros non e que acepten a disciplina de partido de Pablo Iglesias.  O subgrupo ven de publicar un chío no Twitter no que non parece casualidade a ausencia de Alexandra Fernández, moi crítica coas decisións dos seus compañeiros de ser moi seguidistas con Podemos.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies