Guerra aberta en Podemos Galicia

Antón Gómez-Reino presentou a súa candidatura á secretaría xeral de Podemos Galicia o que obrigou a Carmen Santos a non presentarse á reelección

As augas baixan revoltas en Podemos Galicia. En realidade nunca estiveron tranquilas e a loita pola secretaría xeral sempre rematou nunha loita descarnizada entre as distintas familias que conforman a organización en Galicia.

Se no pasado xa foi deposto Breogán Riobóo a mans de Carmen Santos, desta vez a historia volve a repetirse. Nos círculos galegos é coñecida a predilección de Pablo Iglesias por Tone, alcume polo que se coñece a Antón Gómez-Reino, deputado no Congreso dos Deputados. Iso non quere dicir que Carmen Santos non sexa tamén do sector pablista de Podemos o que acontece é que Gómez-Reino sempre foi o favorito de Iglesias pero nunca lle encomendara a misión de dirixir Podemos Galicia.

A xogada de Pablo Iglesias colleu a contrapé a Carmen Santos que se ve abocada a non presentarse á reelección xa que isto sería visto como unha deslealdade por parte do sector oficial de Podemos e remataría nunha situación similar á que sufriu o seu predecesor, Breogán Riobóo, primeiro secretario xeral de Podemos Galicia que se revolveu contra os designios do sector oficial da formación e acabou defenestrado. Carmen Santos ten moito máis que perder xa que é deputada e vicevoceira do grupo parlamentar de En Marea no parlamento galego e, segundo comentan os seus achegados, enfrontarse á dirección podería quebrar o apoio da formación para repetir nas próximas eleccións á Xunta de Galicia.

Carmen Santos plegouse aos designios da súa dirección pero non tivo pelos na lingua ao afirmar que Gómez-Reino nin sequera lle comunicou a súa intención de presentarse ao cargo senón que o fixo a posteriori unha vez que xa a anunciara a toda a prensa. Isto motivou que a actual secretaria sacara arrestos para indicar que non habería unha candidatura de consenso dando a entender que era coñecedera que xente da actual dirección plantexaría unha loita e incluso chegou a indicar que ela iría nesa candidatura aínda que non sería en postos de saída.

Escalada de enfrontamentos

O xogo de tronos non remata aquí e segue aberto. Esta fin de semana a prensa galega recolleu a posibilidade de que houbera outra candidatura á secretaría xeral. Trataríase dun peso pesado da formación: Carolina Bescansa. A deputada galega, outrora con moito peso específico en Podemos estatal, foi apartada por Iglesias tras a asemblea de Vistalegre que partiu podemos pola metada. Pablista e Errejonistas loitaron polo control do partido. Bescansa estaba do lado crítico e resultou derrotada ao igual que o madrileño. Despois daquelo Errejón foi relegado do número dous do partido e Bescansa dimitiu.

Ningúen nos círculos tomou a presentación da candidatura de Bescansa demasiado en serio, sen embargo, a confirmación de que era unha posibilidade plausible veu da man dun dos aliados de Tone na súa candidatura: José García Buitrón. O ex senador procedeu a cargar publicamente con toda crudeza contra Carolina Bescansa no seu Twitter facendo ver que a posibilidade é bastante real. “Tras décadas fora de Galicia e 5 meses despois de querer ser a número 2 á Asamblea de Madrid, queres vir a gobernar Podemos Galicia, seguramente como plataforma para atacar a Pablo Iglesias máis tarde, que é a tua pretensión”, espetou

José García Buitrón e a parlamentaria no Parlamento de Galicia, Luca Chao xa se adheriron á campaña de Gómez-Reino e xa iniciaron contactos cos círculos activos da formación que parece que xa se decantaron polo candidato oficialista o que xerou algún malestar nalgúns membros e círculos da  formación morada que entenden que a campaña á secretaría xeral aínda non comezou (no calendario aprobado o período está fixado entre o 13 e o 24 de outubro).

 

A incógnita dos anticapitalista

Esquerda Anticapitalistas en Galicia está liderada por Paula Quinteiro, a deputada que se viu envolta na polémica dos retrovisores e que foi reprobada polas inscritas de En Marea nunha consulta interna.

Os anticapitalistas aínda non se pronunciaron sobre o apoio a unha candidatura en particular e indican que están a agardar a coñecelas todas para decantarse pero parece ser un secreto a voces dentro da formación que ese apoio iría a Antón Gómez-Reino facéndolle un desplante a Carmen Santos, coa que habitualmente estaban enfrontados aínda que existiu breve paréntese de idilio que coincidiu cando a súa líder pediu a axuda de Carmen Santos para enfrontarse á dirección de En Marea. O favor parece que non vai ser devolto e parece claro que a formación que lidera Paula Quinteiro dará o seu apoio ao rival político de quen a axudou.

Imaxe: Calendario da Asemblea Cidadá de Galicia // Fonte: Podemos Galicia

One thought on “Guerra aberta en Podemos Galicia

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies