Imaxe: Twitter Lidia Senra

A candidata de En Marea por Pontevedra intervén no Parlamento Europeo

Iris Malvido, cabeza de lista de En Marea ao Congreso por Pontevedra, expón no Parlamento Europeo a precaria situación da mociedade galega.

Iris Malvido, candidata de En Marea por Pontevedra ás eleccións xerais interveu no Parlamento Europeo no evento “A mocidade facendo fronte aos retos europeos: extrema dereita, precariedade e patriarcado”, organizado polo GUE/NGL.

No evento organizado polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/ Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), a candidata de En Marea ao Congreso por Pontevedra, a viguesa Iris Malvido, facía unha intervención centrada na situación de precariedade que vive a mocidade galega.

Durante a súa exposición, Malvido afirmou que “a maior parte dos nosos contratos son de carácter temporal, o que afecta especialmente ás persoas menores de 30 anos”, pois segundo indicou, mesmo o Instituto Galego de Estatística (IGE) denunciou que o ano pasado o 94% dos contratos asinados eran de carácter temporal. Isto provocou, engadiu “que so o 10% da mocidade galega tiveran contratos que duraran todo o ano. A maioría de mozos e mozas galegos tiveron contratos de 3 ou 4 meses. A maioría dos contratos, ademais, eran de carácter parcial, non chegaban ao salario mínimo interprofesional e, se ben houbo un achegamento entre os salarios dos homes e das mulleres, este se fixo á baixa, é dicir, diminuíron os salarios dos homes pero non aumentaron os das mulleres”.

Iris concluía que “todo isto provoca unha situación de precariedade, de desemprego e inestabilidade que ten unha serie de efectos directos como son unha maior porcentaxe de emigración, dificultades para a emancipación, dificultades para formar unha familia, no caso de que se quixera, dificultades en definitiva, para ter un traballo digno no noso país. Esta situación tamén provoca unha serie de efectos indirectos, pois xéranse as condicións para que se acepten as mensaxes de odio, as mensaxes de medo e consecuentemente, se abra a porta á volta do monstro que é o fascismo”.

A cabeza de lista de En Marea ao Congreso por Pontevedra aproveitou tamén a súa estancia en Bruxelas para reivindicar que a Unión Europea “traballe por un modelo máis humano, baseado na igualdade, a cooperación e non supeditado a intereses económicos e xeopolíticos”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies