Marea Atlántica aproba o seu calendario de primarias

A candidatura municipalista saca adiante o regulamento de primarias para as vindeiras eleccións municipais

A “Rede” da Marea Atlántica, aprobou o pasado luns o regulamento para as primarias nas que se escollerá a candidatura ás vindeiras eleccións municipais de 2019, co horizonte de poder reeditar o goberno na cidade herculina. Nos pasados meses Xulio Ferreiro deixou claro que Marea Atlántica presentarase coa súa propia marca pechando así a porta á posible coalición, e a súa vez Podemos asegurou que non presentaría a súa marca nas cidades onde gobernan as mareas.

O prazo de presentación de candidaturas ás primarias abrirase o 18 de xaneiro e pecharase o 3 de febreiro. Algunhas das novidades que presenta este proceso de primarias fronte o de 2015 son que para poder participar será necesario presentar listas de 20 persoas, e non haberá votación separada para a cabeza de lista.

As votacións serán entre o 15 e o 17 de febreiro. Realizarase de xeito presencial, aínda que poderá solicitarse a vía telemática nos días previos. Neste proceso poderá participar calquera persoa maior de 16 anos, asinante do manifesto da Marea Atlántica e que residira na Coruña polo menos 6 meses durante os últimos 5 anos.

Os documentos que serviron de base para sacar adiante o regulamento de primarias foron aprobados o pasado mes de xaneiro na chamada “Marea Viva” onde participaron ao redor de 150 persoas, co obxectivo  de sentar as bases dunhas primarias participadas, abertas e plurais.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies