https://twitter.com/carlosnoguecns/status/1082595683297886208

Marea Atlántica rexeita un cupo para Podemos na súa candidatura

A Marea Atlántica rexeita un cupo para Podemos na súa candidatura. Esta posición contrasta coa que Xulio Ferreiro mantivo para En Marea, na que apoiaba unha lista que apostaba por ceder un cupo de case a metade dos postos da dirección ao partido de Gómez-Reino na confluencia galega.

As listas de Marea Atlántica estarán elaboradas o 3 de febreiro, cando remata o prazo para presentar candidaturas. As votacións terán lugar entre o 15 e o 17 do citado mes. 

O proceso de primarias no que se atopa a Marea Atlántica será un proceso moi diferente ao de fai catro anos no que saía elixido Xulio Ferreiro. Nesta ocasión cada “precandidato” deberá acompañarse dunha lista pechada e ésta será tamén a que saia elixida. De momento, o rexedor coruñés é o único precandidato oficial.

Neste proceso, “os partidos non terán presenza como tal”, segundo asegurou Sabela Pérez, voceira de A Rede, ao enfatizar que “nas primarias non se terán en conta as cuotas de partido”, rexeitando deste xeito as demandas de Podemos Galicia que transmitira o secretario xeral de Podemos en A Coruña, Jose García Buitrón, xa que a súa formación realizará o seu propio proceso de primarias despois de que o acometa a Marea Atlántica.

Ferreiro, centrado no eido municipal

Despois da tensión vivida nas derradeiras semanas no seo de En Marea e da derrota sufrida nas primarias da candidatura que apoiaba, Xulio Ferreiro decidiu centrar os seus esforzos no eido municipalista e afronta unhas semanas de intensa actividade política co obxectivo de recabar apoios do tecido social da cidade herculina e facer rendición de contas do traballo desenvolto polo goberno municipal.

Nos pasados días lanzaba en redes a campaña #Xulio2019 en favor da súa continuidade como líder da Marea Atlántica e para facer partícipe as veciñas de A Coruña da rolda de encontros que se desenvolverán en distintos barrios da cidade con vocación de “diálogo, escoita e suma de ideas” de cara ás primarias de Marea Atlántica.

Xulio Ferreiro afirmaba que “nestes catro anos puxemos á cidade no bo rumbo, máis participativa e aberta. Por iso queremos seguir catro anos máis, con un goberno forte”. Aseguraba tamén “cumprimos o noso programa electoral nun 80%, deixando á cidade á cabeza da inversión en gasto social por habitante de todo o Estado, dobrando os fondos para atender ás persoas sen fogar e aumentando as axudas á rehabilitación de vivenda”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies