Ciudadanos ficha no baltarismo profundo da Deputación de Ourense

Fontes próximas á deputada provincial Montserrat Lama indican que durante o día de hoxe anunciará a súa fichaxe por Ciudadanos.

O partido de Albert Rivera ten o seu ollo posto no PP de Ourense e máis concretamente no sector do baltarismo que ten máis descoidado o presidente da Deputación de Ourense. Se días atrás foi o edil da cidade de Ourense, José Araujo, o que fichou polo partido laranxa, no día de hoxe constatarase que a concelleira de Xinzo de Limia e deputada provincial Montserrat Lama será a súa nova fichaxe. Con este movemento Ciudadanos aseguraríase a presenza de listas electorais na comarca da Limia e xogaría a baza de ser chave de goberno no concello de Xinzo que celebra mañá un pleno extraordinario para tratar a renuncia da concelleira. No caso de levarse a cabo, e segundo as mesmas fontes, a concelleira procedería a anunciar a súa fichaxe polo partido españolista nunha rolda de prensa que ten convocada para as 11:30 horas.

 
Profesional da politica

Montserrat Lama era a deputada na que Baltar tiña depositadas as competencias de transparencia da Deputación de Ourense e leva, dende os 25 anos, sendo concelleira en Xinzo de Limia onde ostentaba as competencias de comunicación e relacións institucionais.

 
Contratos a dedo

Montserrat Lama foi a concelleira de persoal durante a época de Antonio Pérez, o alcalde que se viu forzado a dimitir despois de que fose condeado a 8 anos de inhabilitación por realizar nove contratacións a dedo entre os anos 2012 e 2013 datas que coincidiron coa responsabilidade de Montserrat Lama, titular das competencias de persoal durante o mandato 2011-2015. Lama viuse envolta en todo aquel caso e incluso testemuñas que declararon no xuízo indicaron que a entrevista para o posto non as fixera un tribunal senón “unha soa persoa, a edil de persoal, Montse Lama” que se defendera dicindo que “A mí me llamaba el alcalde a su despacho y me decía que me pusiese en contacto con la gestoría para hacer el contrato a una persona y la duración. Él decidía a quién se contrataba y cómo”.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies