Podemos incumpre o Manual de Boas Prácticas no primeiro día de campaña de En Marea

A organización morada promove en redes sociais a unha das candidaturas ás eleccións ao Consello das Mareas no primeiro día de campaña.

Nin un día completo durou o respecto ás normas desenvoltas polo comité electoral de En Marea para as primarias que onte arrancaban a súa campaña, na que se elixirá á nova dirección do partido e á que optan por un lado o actual voceiro, Luis Villares, e polo outro o exdeputado no Congreso, David Bruzos.

Na mañá de onte, tan só 12 horas despois de que a campaña á elección do Consello comezase, estalou a primeira carga de profundidade aos textos dotados polo comité electoral para un correcto desenvolvemento das primarias. A conta oficial de Podemos Galicia decidía posicionarse claramente a favor dunha das candidaturas, a do exdeputado David Bruzos, partillandoa ao todas as súas seguidoras en Twitter.

Neste senso o Manual de Boas Prácticas para a campaña, que se pode ver na web de En Marea, é moi claro ao respecto no seu punto número catro, onde especifica: “Os partidos, como tales, non poderán facer campaña pública por unha lista ou candidatura. Tódolos apoios públicos que se expresen serán a título individual”.

A raíz da publicación en Twitter foron varias as persoas que recordaron e recriminaron á sucursal do partido morado en Galicia o incumprimento destes acordos, e para o que polo de agora non se sabe se terá sanción.

Mentres tanto e alleos á polémica xerada en diversas redes sociais, outras contas de Twitter de Podemos, como a de Sarria, Vilagarcía e Ourense decidían rechouchiar o chío inicial, así como destacados políticos da formación como o seu secretario xeral en Galicia, Antón Gómez-Reino, as deputadas Ángela Rodríguez ou Luca Chao ou mesmo o irmán da anterior Secretaria Xeral e desta volta candidato Rogelio Santos.

Tamén un membro do comité electoral tería apoiado públicamente á candidatura de David Bruzos.

No día de onte tamén se podía observar nas redes sociais como un dos membros do Comité Electoral, Antón Pérez, tería partillado información a favor da candidatura confluente, de David Bruzos.

Antón Pérez, que publicaba diversos posts no seu perfil de Facebook, podería estar incumplindo así o Regulamento emanado do pasado Plenario de En Marea no seu artigo referente ao comité electoral no que claramente se especifica:

“2. As persoas que formen parte do Comité Electoral non poderán ser candidatas no proceso, nin formar parte do Consello das Mareas saínte ou da Comisión de Garantías, nin facer campaña , exercer como avalistas, solicitar o voto para ningunha candidatura ou animar á abstención ou a participación. A non observación desta norma implicará a expulsión permanente desa integrante ou integrantes do comité electoral.“

Non se sabe polo de agora se o comité electoral actuará de oficio sobre este caso, pero todo parece apuntar que este incumplimento podería ocasionar o cese do membro ao poñerse en cuestión o seu principio de imparcialidade perante o resto de candidaturas así como a candidatura que el publicamente tería apoiado.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies