Veciñanza presenta alegacións á modificación das zonas potencialmente inundables de Cuntis

O Grupo Muicipal de Veciñanza esixe que se declare zona inundable a totalidade das marxes do río Gallo ao seu paso polo centro da vila.

Veciñanza ven de presentar alegacións á proposta de modificación do mapa de zonas inundables que Augas de Galicia abriu á exposición pública, pois, segundo afirman a través dun comunicado, “o mapa que actualmente está en vigor presenta múltiples carencias que motivaron xa queixas e reivindicacións dende Cuntis en anos anteriores, xa que evita considerar zonas inundables aquelas que reiteradamente sí o son, como as beiras do Río Gallo ao seu paso polo centro da vila do Baño”.

Aseguran dende Veciñanza que “o documento presentado pola Xunta mantén unha notable carencia no que se refire á identificación precisamente destas zonas potencialmente inundables, pois nalgunhas delas é habitual que na época invernal, nos episodios máis acentuados de choivas, o cauce fluvial se desborde anegando varios metros mais alá do seu discorrer habitual”.

Ante esta situación, o Grupo Municipal de Veciñanza, rexistrou as alegacións correspondentes, para que Augas de Galicia rectifique esas omisións e incorpore a totalidade das beiras do río Gallo no seu discorrer urbano, asegurando que “é imprescindible ter unha radiografía precisa para poder dispoñer de ferramentas urbanísticas adecuadas á realidade do noso municipio que, como é ben sabido, padece periodicamente as consecuencias dos anegamentos invernais”.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies