Campaña 'Educación inclusiva, saúde mental positiva' // Imaxe: https://mocidadesaudable.org/

Galicia conmemora o Día Mundial da Saúde Mental

Esta xornada, conmemorada o 10 de outubro, ten por obxectivo concienciar e informar á poboación sobre os trastornos mentais e sobre a realidade e necesidades dos doentes e das súas familias.

Baixo o lema “Educación inclusiva, saúde mental positiva”, preténdese facer fincapé nunha educación que aposte polos valores, que traballe a diversidade e a inclusión e que teña en conta os retos dunha sociedade que cambia a gran velocidade, beneficiando a saúde mental das vindeiras xeracións.

Segundo estimacións da OMS, un de cada catro persoas do planeta –preto de 1.700 millóns de persoas- padecerá un trastorno mental ao longo da súa vida. Os datos revelan que entre o 10 e o 20% dos nenos, nenas e adolescentes teñen problemas de saúde mental. Para FEAFES Galicia, “o sector educativo xoga un papel fundamental, enfrontándose ao reto de crear un ambiente escolar onde os mozos e mozas se sintan cómodos, respectados e integrados”. Nesta xornada aproveitan para reivindicar “a urxente necesidade de que a saúde mental dos mozos e mozas estea na axenda política, coa fin de reverter a advertencia da OMS que indica que os trastornos mentais serán a primeira causa de discapacidade en 2.030”.

 

Galicia: sen Plan Galego de Saúde Mental

Segundo o Movemento Galego da Saíde Mental, pasaron 9 anos dende que o goberno do PP suspendera o Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011, deixando sen planificación a atención á saúde mental, en plena crise económica, nun período de recortes na sanidade pública e con riscos en saúde mental incrementados.
Os profesionais, colectivos e asociacións que traballan no ámbito da saúde mental coinciden en sinalar que Galicia precisa un Plan Galego de Saúde Mental. O ano pasado, coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciaba a creación dun grupo de traballo que elaboraría ese plan autonómico, mais a día de hoxe segue sen estar preparado.

Tamén fai anos que o SERGAS prometera unha unidade de psiquiatría infanto-xuvenil no hospital Álvaro Cunqueiro, que sería a segunda de Galicia, e evitaría a derivacións a Santiago. Para o Movemento Galego de Saúde Mental “non é aceptable ningunha solución que non sexa a da creación dunha unidade de hospitalización de saúde mental para a infancia e a adolescencia da zona sur de Galicia con recursos específicos de nova creación”. Lamentan a desidia amosada polo SERGAS, “desprezando tódalas recomendacións nese campo” feitas polos colectivos implicados. Tamén critican que non exista nin un so hospital de día en saúde mental infantil e de adolescencia.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies