Gañemos Vilanova consegue un acordo para tentar salvar a residencia Valle-Inclán

Manter os 51 postos de traballo e un servizo que está funcionando para 106 residentes é o obxectivo do acordo acadado pola Corporación de Vilanova, a proposta de Gañemos Vilanova para tentar salvar a residencia Valle-Inclán.

Gañemos Vilanova, da man da súa representante, Elena Cores, levaba ao pleno o conflito da residencia Valle-Inclán, para esixir a creación dunha mesa negociadora, con representantes de todas as partes implicadas, para solventar o conflito. Para elo, Cores cedeulle a palabra á familiar dun residente, que explicou a odisea na que se atopan as familias, recibindo cartas comunicándolles o traslado dos seus familiares, “aos que so se lle ofrecen prazas en residencia de O Barco de Valdeorras” asegurando por iso que “acudimos á Valedora do Pobo por considerar que se incumpre a Lei de Servizos Sociais de Galicia, na que se especifica que as persoas residentes deben estar preto das súas familias”. As familias insisten en que o da residencia “é unha cuestión meramente administrativa, polo que a administración ten da súa man resolvela”. 

Tralas intervencións de varios familiares e persoal da residencia, o alcalde accidental asumiu as reclamacións, pero salientou que se deberan “deixar de lado a mesa de negociación e pedir unha xuntanza coa responsable de Servizos Sociais de forma inmediata, na que participemos todos os grupos políticos e os sectores implicados”. Elena Cores esixiulle a máxima rapidez, ao que o alcalde accidental lle espetou “agora non hai ninguén para chamalos, pero pola mañá fareino a primeira hora”. Dende as filas do grupo de goberno remataron lanzándolle un “que electoralista eres” á representante de Gañemos Vilanova.    

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies