Imaxe: Twitter Miguel Tellado

O PP entre o autonomismo e o centralismo no debate competencial

O PP defende a súa coherencia no debate competencial mentres a oposición tacha a Feijoo de catavento.

O PP defendía este martes a súa coherencia na defensa do autonomismo no debate sobre a transferencia de competencias dende o Estado á Administración autonómica fronte ás críticas da oposición, que culificaron de “catavento” a Feijoo, polo seu “novo cambio de opinión” despois de que o pasado luns acusase ao Goberno central de empregar o traspaso competencial como veo para ocultar a falta de respecto con Galicia do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado.

“Non tentamos confundir nin enganar a ninguén, porque levamos moitos anos defendendo o interese de Galicia”, remarcou Puy, asegurando que os populares apoian a asunción de competencias por parte da Administración autonómica a condición de que supoñan “que os cidadáns saquen proveito delas” e que “o Estado autonómico tal e como está na Constitución está practicamente desenvolvido”, aínda que matizou que “iso non quere dicir que non quede espazo para melloralo”, sempre que se leve a cabo “con transparencia”.

“O que si é necesario é que o Estado coopere”, engadiu Puy, que cre que esa colaboración debe comezar polos Orzamentos, polo que criticou ao Partido Socialista por defender un anteproxecto no que “Galicia pasa de ter o 10 ao 6 por cento do investimento total”.  

Valoración da oposición

Os voceiros criticaron ao Goberno galego e a Feijoo polo que ven como un xiro no seu discurso respecto ao debate competencial, “froito das presións do seu partido a nivel estatal e ao auxe recentralizador do seu líder, Pablo Casado”.

Para Luís Villares, voceiro de En Marea, “o disfrace de autonomista” duroulle moi pouco a Núñez Feijoo, “por iso tivo que rectificar, pois como catavento, antes viraba segundo o vento de Madrid e agora parece que segundo o de Andalucía”. Villares remarcou que “Rajoy non pechou a billa a todos, pechoulla a quen non a quería abrir. Agora revélase o auténtico Feijoo, o que non cre na autonomía. Non se pode ser centralista e autonomista a un tempo”.

Leiceaga, voceiro do PSdeG, concretou que preguntará a Feijoo no pleno da vindeira semana “como e cando pretende conseguir algún traspaso de competencias” pois “leva gobernando dez anos e parece que para el o momento é nunca. Non hai novo Estatuto porque Feijoo dixo que non, non hai novas competencias para Galicia cando o PP estivo no Goberno central porque non houbo reclamacións por parte do señor Feijoo”.

Ana Pontón, voceira do BNG, pola súa banda, cualificou de “ridículo sideral” o “novo cambio de opinión” do presidente no referente ao autogoberno despois de que antepuxese os Orzamentos ao traspaso de competencias. Pontón tirou dunha cita de Groucho Marx para visibilizar o comportamento do presidente da Xunta: “Estes son os meus principios, se non lle gustan teño outros”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies