Antón Sánchez no exterior do Parlamento de Galicia // Imaxe: https://www.anova.gal/

Antón Sánchez: “Quen non debe facer tres comidas ao día é Errejón, que está moi delgado”

No programa Bos días, da TVG, cando Antón Sánchez era cuestionado ao fío das declaracións de Feijoo no pleno onde atacaba a En Marea identificándoa con Podemos, empregando as palabras de Errejón sobre Venezuela, Sánchez fechaba a súa intervención espetando entre risas “Quen non debe facer 3 comidas ao día é Errejón, que está moi delgado”.

Na mesma entrevista, o vicevoceiro de En Marea pronunciábase sobre diversos temas de actualidade como a decisión do Tribunal Supremo sobre as hipotecas, o conflito de Alcoa, a transferencia da AP-9 ou a situación interna de En Marea.

Sobre o recente plenario de En Marea, Sánchez aseguraba que “o que houbo en En Marea foi un debate democrático no que a xente decidiu, e debemos respectalo. Hai debate político e iso non é malo” ao que engadiu que “no plenario non houbo un golpe de estado, foron uns debates e votacións democráticas, todos debemos respectalo e non botarlle gasolina ao debate”.

Polarización

Antón Sánchez indicou tamén que no espazo teñen cabida Esquerda Unida e Podemos. Estas declaracións do voceiro de Anova sobre En Marea prodúcense no mesmo momento en que dirixentes da formación morada como Antón Gómez-Reino ou Luca Chao, deputada no Parlamento de Galicia, demandan que Podemos sexa o centro do espazo de cambio e reclaman para si mesmos o liderazgo do espazo.

Durante esta semana non soamente En Marea se viu sometida a presións de Podemos para ampliar os representantes do seu partido nas institucións. A Marea de Vigo e a de Pontevedra tamén foron cuestionadas pola formación que lidera Pablo Iglesias para constituír unha coalición electoral o convite era acompañado pola ameaza velada de que no caso de non aceptar tanto Esquerda Unida como Podemos presentarían unha lista electoral nos seus respectivos concellos. Ourense en Común tamén tivo que paralizar as súas primarias para dar cabida a representantes de EU e Podemos nas súas listas aínda que no caso da formación ourensá non se prevé ningún problema para que o consigan e así o avanzou Martiño Vázquez Mato no pasado mes de setembro.

Pola súa banda, o voceiro de En Marea Luís Villares, non comparte esta visión da confluencias como deixou claro nunha entrevista concedida esta semana ao diario El Progreso no que enfatizaba que “fronte ao noso proxecto haberá un que se revela como sucursalista de Podemos, onde mandan as cúpulas dos partidos e onde os inscritos sexamos reducidos a pegacarteis”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies