Constituída a coordinadora de En Marea, liderada por Luís Villares

O pasado sábado, 12 de xaneiro constituíase a nova coordinadora de En Marea, liderada por Luís Villares   

En rolda de prensa trala elección da coordinadora, Luís Villares aseguraba que “o desexo político desta dirección xa constituída é adicarnos a falar e traballar nos problemas que ten a cidadanía de Galicia neste momento”.

O voceiro de En Marea tamén sostiña que “o traballo principal do partido nos próximos meses centrarase en construír unha alternativa real de cambio ante as próximas eleccións municipais”, remarcando “estamos comprometidos co país e tamén co cambio político que supón En Marea no espazo municipal”.

Villares adicou unhas palabras aos integrantes do Consello pertencentes á candidatura “Entre Todas”, que continúan sen tomar posesión no Consello das Mareas, afirmando que “a xente pode decidir acudir ou non acudir aos sitios, é unha cuestión de responsabilidade e de lealdade, coa organización e coas persoas que votaron, non se pode desprezar e non se pode maltratar ás inscritas facendo algo agora que non viña nos propios programas das candidaturas ausentándose dos órganos de dirección”. Asegurou que a formación mantén “portas e fiestras abertas e a casa é ampla para que colla todo o mundo”.  

Composición da Coordinadora de En Marea:

  • Luís Villares. Relacións internacionais
  • Ana Seijas. Organización territorial e municipalismo
  • Mariló Candedo. Relacións insterinstitucionais
  • Moncho Veras. Comunicación
  • Elena Cores. Loxística, produción e coidados
  • Adrián Dios. Finanzas e transparencia. Área de mocidade
  • Peque González. Coordinación de mareas sectoriais
  • Mónica Díaz. Relacións cos movementos sociais e sindicatos
  • Xoán Losada. Organización territorial e municipalismo
  • Xoán Hermida. Análise política e estratéxica
  • Beatriz Gómez. Feminismo

A candidatura “Entre Todas”, encabezada por David Bruzos e apoiada polas cúpulas de Podemos, Esquerda Unida e Anova perdeu as eleccións internas de En Marea, pois “Coidando a casa”, candidatura que encabezaba Luís Villares obtivo o 60% do apoio das persoas inscritas.

Podemos Galicia solicitou unha auditoría externa que segundo indicaron tanto o propio voceiro Luís Villares como Gonzalo Rodríguez ou o deputado Davide Rodríguez, “fíxose sen entrar sequera na plataforma de votación, polo que non ten ningún tipo de valor que se poida considerar seriamente para xustificar o que é inxustificable, que é unha ruptura do espazo político”.  

Gómez-Reino insiste en pedir a dimisión de Villares

Nunha entrevista na Cadena Ser o pasado domingo, trala constitución da coordinadora de En Marea, o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino aseguraba que “el se fose Luís Villares dimitiría como voceiro parlamentar de En Marea”. Afirmou que “todos os responsables políticos do que sucedeu nun proceso plagado de irresponsabilidades, ao noso xuízo, nun espazo democrático, terían que asumir responsabilidades”.

Insiste así o secretario xeral de Podemos Galicia en desautorizar ao voceiro de En Marea, a pesares de vir dunhas eleccións internas das que a candidatura encabezada por Villares saíu vencedora por máis de vinte puntos de diferenza.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies