Imaxe: Twitter Anova Ourense

Acusan á dirección de Anova de mentir e manipular

Anova-Ourense reclamou respecto á súa soberanía e acusou á dirección de Anova de mentir e manipular no comunicado emitido pola cúpula da formación.

A través dun comunicado, a asemblea de Anova Ourense explica que é unha das asembleas fundacionais da formación, e que, como asemblea territorial, recibiu “a encomenda da Coordinadora Nacional de realizar unha asemblea antes do día 10 de marzo cousa que fixemos convocando á nosa militancia para o pasado xoves día 7 de marzo de 2019. A convocatoria foi realizada a todos os correos dos militantes e incluso se mandou un recordatorio da mesma o propio día da asemblea para lembrar a importancia da decisión”.

Dende Anova Ourense aseguran que “a Coordinadora Nacional minte cando indica que non tivo lugar a necesaria renovación de organismos na nosa localidade. Os órganos de Anova en Ourense foron renovados a continuación da III Asemblea Nacional de Anova-IN concretamente o día 4 de maio de 2017 e os datos dos resultados e persoas que se situaron á fronte da organización foron remitidos á Coordinadora Nacional ese mesmo día”.

Para afear algunhas das afirmacións do comunicado emitido por Anova, empregan os propios estatutos da formación, nos que se indica que Anova está conformada por “Asembleas soberanas no seu ámbito local e que se confederan con vocación de permanencia para ser un actor político nacional”.  

Lémbranlle tamén á cúpula de Anova que “Anova ten decidido, na súa III Asemblea Nacional a aposta inequívoca por En Marea como suxeito de ruptura, como partido instrumental que empodere á cidadanía de cara a superar o sistema de coalición”, asegurando que Anova Ourense mantén as teses políticas da III Asemblea Nacional, sendo a Coordinadora Nacional a que agora carga contra a súa propia tese política e “impón consignas que son contrarias ás decisións estratéxicas de Anova”, motivo polo cal a militancia de Ourense avala a postura de continuar co partido instrumental.   

Reiteran que Anova Ourense “é unha asemblea soberana, que tomou legal, lexítima e estatutariamente as súas decisións non soamente dun xeito democrático senón unánime por parte da militancia que acudiu á asemblea, decisión que non podería ser outra que a tomada segundo a liña política aprobada na III Asemblea Nacional da nosa formación”, polo que esixen á Coordinadora Nacional de Anova que deixe de instalarse na postverdade e afirman que “os principios ético-políticos da organización esixen que os pactos pre e post electorais serán tomados e ratificados polo conxunto da militancia do ámbito de aplicación do mesmo e estarán en consonancia coa liña política que teña definido a organización” polo que, aseguran, se queren emendalos “é lexítimo facelo, pero non lles toca ás cúpulas decidilos senón ás bases”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies