Antón Gómez-Reino nunha comparecencia // Imaxe: https://www.facebook.com/anton.gomezreinovarela

Podemos realiza primarias onde existen mareas consolidadas

Podemos presiona e realiza primarias nas cidades con alcaldes das mareas como A Coruña, Ferrol ou Santiago, e en municipios que xa teñen elixidos candidatos.

Hoxe arrincan as votacións nas que Podemos Galicia, formación liderada por Antón Gómez-Reino elixirá as súas listas electorais en 22 municipios galegos, inda coa incógnita de cómo se presentará Podemos ás eleccións municipais de maio. As votacións, que se realizarán por vía telemática, comezan hoxe, venres 1 de febreiro e permanecerán abertas ata o martes, 5 de febreiro.  

Celebraranse primarias de Podemos en A Coruña, Ames, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Santiago de Compostela, Valdoviño, Lugo, Sarria, Viveiro, Ourense, Baiona, Cangas, Gondomar, Marín, O Grove, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Dende Podemos Galicia aseguran que as primarias “non son máis que un mero trámite, porque as normas internas do partido obrigan a elo, pero que o proceso non é incompatible coas negociacións que se abrirán con outras forzas de esquerdas para elaborar as listas das mareas municipais”. 

A catro meses das eleccións, a creación de alianzas entre Podemos e outras forzas inda está no aire en boa parte destes concellos, como ocorre en Lugo, Pontevedra, Ourense, ou Ferrol, onde goberna Ferrol en Común, unha das candidaturas que gozaba da condición de “marca consolidada” por parte da dirección de Podemos Galicia.

En Santiago ou A Coruña dáse por feito que Podemos se diluirá nas marcas de Compostela Aberta e a Marea Atlántica, inda que presumiblemente, tratarán de facerse con postos altos nas listas destas mareas que, á súa vez, reivindican a súa independencia á hora de configurar as súas candidaturas. 

En Santiago Podemos integrarase na lista de Compostela Aberta, onde o candidato será Martiño Noriega, pero Podemos conta aí con dous aspirantes a rexedores: María Pazos e Álex Botello. O mesmo acontece en Ferrol, onde Guillermo Ferrández aspira tamén á alcaldía na que pretende repetir Jorge Suárez, o candidato de Ferrol en Común.

Inda que non gobernan, as mareas de Ourense, Pontevedra e Vigo tamén teñen escollidos aos seus cabezas de lista, o que se contradí coa intención de Podemos de presentar aspirantes ás alcaldías en ditas cidades. Na Coruña non hai candidato á alcaldía por parte de Podemos, pero si dúas listas cun total de 16 persoas que aspiran a estar na candidatura da Marea Atlántica, situación que pode dar lugar a desencontros, porque a formación de Xulio Ferreiro dará a coñecer a súa candidatura este domingo, data na que Podemos inda estará coas súas primarias.     

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies