Imaxe: Twitter Via Lethes

Nace a Plataforma Auga Limpa Xa! para denunciar a contaminación en acuíferos da comarca da Limia

A Plataforma Auga Limpa Xa! nace como resposta ao grave problema de contaminación dos acuíferos que provocan as instalacións agrarias e a mala xestión dos residuos.

Veciñanza das comarcas da Limia, Baixa Limia, Celanova e Monterrei constituíron a pasada semana a “Plataforma Auga Limpa Xa!”, plataforma que nace tralas denuncias de verteduras de residuos agrícolas que afectan aos acuíferos das comarcas. As persoas integrantes desta Plataforma séntense “preocupadas pola grave contaminación provocada polas macrogranxas e pola deficiente xestión dos residuos que xeran”.  

Dende a Plataforma refiren que “hai veciñas e veciños que están consumindo auga non potable dos seus pozos porque descoñecen que superan os 50 miligramos de nitratos po litro”, cando actualmente “na Unión Europea o nivel máximo permitido é de 50 mg/l, sendo 25 mg/l o valor guía”.

O encoro das Conchas tampouco se libra dos efectos nocivos dos nitratos, pois, segundo explican a través dun comunicado, “verán tras verán as augas non son aptas para o baño ao estar contaminadas polo nitróxeno e o fósforo que río Limia abaixo chegan á presa”, polo que proliferan unha “insalubre cantidade de cianobacterias que tinguen a auga de verde, desprenden un fedor forte e envelenan  flora e a fauna fluviais”.  

Dende a Plataforma Auga Limpa xa! chaman “a todos os actores implicados para buscar xuntos solucións a este grave problema”. Demandan “medidas que garantan o acceso a unha auga de calidade” e como medida urxente piden “unha moratoria na instalación de novas explotacións gandeiras intensivas e a correcta xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións que xa están en funcionamento”.

A Plataforma defende “unha gandería vinculada á terra, produtiva e aos coidados do territorio, baseada en criterios de sostibilidade para xerar alto valor engadido e ter prezos xustos para as produtoras e produtores destas comarcas”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies