A Ribeira Sacra ourensá, escenario da terceira edición do Proxecto Entre Senlleiras

Alumnado e profesorado do segundo curso do Ciclo Superior de Animación Sociocultural e Turística do CIFP Portovello desprazarase do día 3 ao 5 de febreiro á Ribeira Sacra ourensá no marco do Proxecto “Entre Senlleiras 2019”.

“Entre Senlleiras” é unha iniciativa de innovación pedagóxica baseada nun enfoque metodolóxico de traballo por proxectos. Tal e como refire Jorge Lamas, profesor-titor do grupo, “neste proxecto o alumnado aprende facendo, polo que o deseño, formulación e execución do plan de actividades é realizado integramente polo alumnado, conformando diferentes equipas de traballo baixo a coordinación e apoio do profesorado dos módulos profesionais do Ciclo (Animación Turística, Dinamización Grupal, Actividades de Lecer e Tempo Libre, Primeiros Auxilios, Intervención Socioeducativa con Xente Nova e Empresa e Iniciativa Emprendedora)”.   

Nesta terceira edición, aproveitando a recente declaración BIC da Ribeira Sacra como paso previo á súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, o proxecto desenvolverase nos concellos de Nogueira de Ramuín, Parada do Sil e Castro Caldelas, contando, como sinalan, coa colaboración de diversos actores locais como a Asociación Móvete por Nogueira, “que permitirá tomar contacto cunha experiencia de vitalización e recuperación patrimonial de base popular”, o Albergue A Palleira de Tronceda, en Castro Caldelas, “iniciativa enmarcada no eido da economía solidaria a través da cal se traballarán aspectos relacionados coas problemáticas e alternativas ao despoboamento e abandono do rural no interior galego” e a Oficina de Información Turística do concello de Castro Caldelas, “cuxa colaboración no proxecto permitirá coñecer a perspectiva da administración local no reto da creación dun modelo de turismo sustentable e respectuoso co territorio e a comunidade”.    

A primeira edición do proxecto “Entre Senlleiras”, en 2017, tiña como escenario os concellos de Trives e Manzaneda, continuando ao ano seguinte na comarca da Limia (Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Sarreaus) co obxectivo, edición tras edición, de coñecer e poñer en valor os recursos de interese para a Animación Sociocultural e Turística.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies