Imaxe: Twitter Manuel Baltar

Baltar ficha ao alcalde independente de Trives

Manuel Baltar ven de presentar a Domingo Diéguez, alcalde de A Pobra de Trives pola Agrupación Trivesa Independente (ATI), como cabeza de lista do PP por Trives.

Domingo Diéguez encabezará a lista que o PP presentarás nas vindeiras eleccións municipais en Trives, integrando á formación que preside como alcalde, ATI, e o seu equipo de goberno na candidatura popular.

Diéguez conta con once anos de experiencia como concelleiro e un como alcalde baixo as siglas de ATI, formación independente.  

Diéguez afirma “non pedimos grandes obras nin proxectos, senón a dotación de infraestruturas, servizos e equipamentos que melloren a calidade de vida dos nosos veciños nas vintedúas aldeas do concello”.

O sector turístico é clave para o alcalde e agora candidato do PP, que ten moi clara a necesidade de loitar pola integración de Trives no Xeodestino da Ribeira Sacra.

Baltar asegurou que “persoas así son as que necesitamos, polo seu apego á terra, con discurso de territorio e das persoas, xestores que como el conectan coa xente e amosan forza e ilusión”.

Dende Son de Trives, formación cun concelleiro no goberno do Concello de Trives, fixéronse eco da nova, publicando nas súas redes sociais frases como “agora si, as cartas sobre a mesa e disfraces fora…”.

Comunicado do presidente da ATI

Tralo anuncio de que a Agrupación Trivesa Independente (ATI) e o seu equipo se integrarán no PP nas vindeiras eleccións, o presidente de ATI e anterior alcalde trivés, Francisco José Fernández Blanco, vén de emitir un comunicado no que amosa a súa sorpresa, “non pola persoa que encabezará esa lista, senón polo feito de que se manipule e minta”, pois segundo asegura, “na candidatura popular nin se integra a ATI nin o seu equipo. Outra cousa é a liberdade coa que, individualmente cada persoa decida concorrer no partido que considere”.

Fernández, que continua sendo presidente da ATI, sinala ademais que “ATI está a tempo de concorrer ás vindeiras eleccións municipais. ATI representa uns valores e uns ideais que se atopan nas antípodas do PP é, en particular, das que practica o PP ourensán”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies