O BNG de Portas acusa ao PP de secuestrar a institución municipal

O BNG de Portas asegura que o PP secuestra as institucións municipais, sen convocar plenos ordinarios dende xuño e sen orzamentos, “supeditando os máis básicos principios democráticos aos seus intereses electorais”.

Para o BNG de Portas, o alcalde, ao non convocar plenos ordinarios dende xuño de 2018, “secuestrando o Pleno municipal”, máximo órgano de representación da veciñanza, está “incumprindo a Lei de Bases de Réxime local e incluso saltándose os seus propios decretos que establecen unha periodicidade de dous meses para os plenos ordinarios”.

O BNG de Portas cualifica de “apagamento democrático” o que está a levar a cabo o PP, “negándose incluso a informar á oposición dos decretos e resolucións da alcaldía”. Critican tamén que “o concello de Portas segue a día de hoxe sen orzamentos para o ano 2019 pois, por non haber, non hai nin sequera proxecto de orzamentos para o ano en curso”.   

Segundo refiren, a estratexia electoral do PP “pasa por esconder a parálise municipal cun apagamento informativo e de foguear ao seu candidato cunha dedicación exclusiva, excepcionalmente ben pagada e concedida unha semana despois de presentalo publicamente”.  

Para o BNG de Portas, o PP “supedita os actos democráticos aos actos partidistas”, pois segundo refiren “o 22 de febreiro debería celebrarse unha sesión do pleno ordinario, sen embargo, non se convocou porque coincide cun acto de presentación dos candidatos do PP da comarca. O mesmo sucedeu no mes de outubro, cando a presentación do candidato do PP no concello de Portas supuxo que non se convocase o pleno ordinario correspondente”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies