A multa de 1500 euros aos mozos que fixeron un mural en defensa das persoas LGTBI chega ao Parlamento

Os feitos tiveron lugar o pasado 27 de outubro de 2018 cando cinco mozos e mozas foron identificados pola Garda Civil, que tramitou unha denuncia aplicando a Lei mordaza.

A denuncia foi cursada pola subdelegación do goberno de Pontevedra, que incoou un expediente sancionador por “Danos ou deslucimento de bens de uso ou servizo público” e propuxo unha sanción de 300 euros.

O BNG presentou no parlamento galego unha proposición non de lei na que denuncia o emprego represivo da lei mordaza por parte da Subdelegación do Goberno contra cinco militantes de Galiza Nova por facer un mural coa lenda “Por unha Galiza diversa” e as cores que simbolizan a defensa dos dereitos das persoas LGBT (lesbianas, gais, bisexuais e transexuais). Para Luís Bará “estamos ante un uso claramente desproporcionado e represivo dunha lei aprobada polo Partido Popular e aplicada polo PSOE, que cando estaba na oposición defendía a súa derrogación e agora aplícaa para reprimir a liberdade de expresión e a loita en defensa dunha Galiza diversa”.

O deputado nacionalista afirmou que “os cinco militantes de Galiza Nova simbolizan unha mocidade comprometida, xenerosa e altruista, que debe ser obxecto de recoñecemento e non de represión. E para nada fixeron un acto que danou ou desluciu bens públicos, máis ben fixeron un acto que engrandece o valioso patrimonio colectivo que é defender unha sociedade igualitaria e diversa”.

Segundo Bará, o uso represivo da lei neste e noutros moitos casos forma parte dun proceso de involución democrática e de regresión en materia de de dereitos e liberdades: o mesmo Estado que persegue a demócratas e a persoas defensoras de dereitos humanos fundamentais como os da causa LGBT, é permisivo con actitudes e declaración machistas, homófobas e fascistas.

Por este motivo, o BNG rexistrou no parlamento unha proposición non de lei na que demanda a derrogación da lei mordaza e o arquivo do procedemento sancionador contra os cinco militantes de Galiza Nova.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies