Imaxe: Sindicato Labrego Galego

O Sindicato Labrego Galego pide criterios sociais de reparto nos Plans de Mobilidade de Terras

O SLG pide que os plans de mobilidade de terras establezan criterios claros de reparto para beneficiar xente nova e granxas da zona.

O SLG vai iniciar unha rolda de contactos, segundo aseguran a través dun comunicado, cos partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia para pedirlles información sobre os plans piloto de mobilidade de terras que está a desenvolver a Consellería de Medio Rural en comarcas como Lemos, Ancares, Courel, O Ribeiro ou Verín.

Para o Sindicato, as políticas de mobilidade de terras, “co grave problema de acceso á base territorial que teñen miles de granxas en Galicia ou familias que se queren iniciar na profesión agraria, non so son necesarias, senón que se antollan indispensables nun escenario no que os custes de produción non paran de subir e os ingresos das granxas se manteñen conxelados ou á baixa, e o despoboamento do campo é imparable”. Por elo, sinalan, “tal e como están deseñados estes plans piloto de mobilidade de terras, crean serias dúbidas sobre os criterios de asignación de fincas que se están a seguir”, pois dende o SLG sospeitan que “hai empresas e grandes cooperativas con información privilexiada que se están a beneficiar claramente destas accións en detrimento doutras granxas máis necesitadas de terra”.  

Dende o Sindicato Labrego Galego pediranlle aos partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia “que fagan o posible para que se establezan uns criterios transparentes e obxectivos neses plans de mobilidade de terras, para que contribúan realmente ao desenvolvemento rural, e que se están a desenvolver grazas a orzamentos millonarios pagados cos cartos dos galegos e galegas”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies