Imaxe: En Marea

En Marea negociará co Goberno cambios nos Orzamentos Xerais do Estado

En Marea negociará co Goberno, a través dun grupo de traballo, cambios e máis partidas nos Orzamentos Xerais do Estado para Galicia.

Yolanda Díaz, voceira de En Marea no Congreso neste momento, anunciaba onte aos medios o inicio das negociacións, motivo polo que retiraban da orde do día da Deputación Permanente de onte o punto no que pedían a comparecencia urxente da ministra de Facenda, María Jesús Montero, precisamente para que explicara os criterios que seguira para fixar a inversión en Galicia.

Dende a dirección de En Marea viñan anunciando que, coa caída de vinte puntos en comparación co anterior, non darían os seus votos a favor do proxecto orzamentario, esixindo a apertura dunha negociación bilateral, feito producido na tarde de onte, co anuncio da creación dun grupo de traballo composto por representantes do Ministerio de Facenda e do Ministerio de Fomento e por deputados de En Marea. 

Díaz amosouse satisfeita ante os medios, asegurando que “o goberno deuse conta de que os nosos 5 votos son determinantes” e puntualizou que En Marea “mantén aberta a negociación sobre a Axenda galega do Cambio”, unha serie de 50 medidas que abordan a definición competencial, a política lingüística ou cuestións de agricultura e pesca.   

Villares carga contra Gonzalo Caballero

Nunha rolda de prensa celebrada o día de onte en Lugo, o voceiro de En Marea, Luís Villares cargaba contra o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, despois de que o domingo criticase a En Marea pola súa postura de rexeitamento ao anteproxecto dos Orzamentos.

Villares acusou a Caballero de “actuar de delegado de Pedro Sánchez en Galicia” e de “vestirse co traxe de submiso, de caladiño, que colgou Feijoo” tralo cambio de goberno en Madrid, aseverando que “ese traxe de delegado do goberno que colgou Feijoo recolleo Caballero para seguir os ditados que lle marca o goberno de España”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies