Imaxe: Twitter Rebelion Aluminio

Multitudinaria manifestación na Coruña contra o peche de Alcoa

Máis de 2.000 persoas manifestáronse o pasado domingo contra o peche das plantas que a multinacional do aluminio Alcoa posúe na Coruña e en Avilés, pedíndolle ao Goberno unha solución que evite o despido do persoal.

Unha pancarta portada por nenos e nenas onde se lía “Alcoa déixanos sen futuro” encabezaba a manifestación, á que acudiron representantes políticos do PP, PSOE, BNG e En Marea, así como da corporación municipal.  

O persoal de Alcoa alertaba de que, en caso de que non se atope solución, o día 15 de xaneiro a multinacional norteamericana fará efectivos os despedimentos anunciados.

Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa, aseguraba “sóbrannos motivos para estar enfadados. Hai moito apoio político e moi boas palabras pero ao final non se define unha aposta do Goberno”, engadindo “somos o metal do futuro, temos a industria, o coñecemento, as instalacións, témolo todo, non hai explicación”, polo que o persoal de Alcoa pide ao Goberno de Pedro Sánchez “que se deixe de ser tan contemplativo” e interveña “nun sector estratéxico”, reclamando que o Goberno “ou ben acade un acordo con Alcoa, xa que a compañía está disposta a cederlle as dúas empresas ou busque un inversor que se faga cargo das plantas da compañía”.   

O persoal de Alcoa pensa que a pretensión da multinacional estadounidense é “pechar as fábricas que ten en España para importar os seus materiais dende outras factorías que posúe no resto do mundo”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies