Presentación da Derradeira Lección do Mestre de Castelao // Imaxe: bng.gal

‘A derradeira lección do mestre’ chega a Galicia con polémica

Tras setenta anos de exilio, pois nunca saíra de Arxentina, “A derradeira lección do mestre”, unha das obras máis simbólicas e recoñecidas de Castelao, chega a Galicia.

A obra formará parte dunha exposición, “Castelao Maxistral”, organizada na Cidade da Cultura, adicada ao político e intelectual galego que ensalza o papel que os mestres de entre 1.900 e 1.936 tiveron na construción dunha educación pública.

“A derradeira lección do mestre” foi pintado por Castelao no seu exilio de Bos Aires en 1.945, en homenaxe ao seu amigo e intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1.936. O lenzo está baseado nunha estampa do libro “Galiza Mártir” e retrata a un mestre asasinado xunto a dous dos seus alumnos. No seu trasfondo, esta obra reproduce unha realidade que tivo lugar na Galicia da posguerra, a da persecución dos mestres republicanos e a brutalidade da represión por parte das autoridades franquistas, sendo a última lección do mestre sacrificarse ata acadar o martirio por ensinar aos demais. A obra recoñece o labor de galegos e galegas na diáspora, onde tiveron que marchar debido á pobreza e á posterior represión da ditadura.

A exposición “Castelao Maxistral” formará parte, segundo a Consellería de Cultura “dun relato expositivo no que se quere contrapor a situación do ensino en Galicia de principios do século pasado (con precariedade de medios, antipedagóxica e exclusivamente en castelán) coa reforma e modernización que iniciaron os mestres e mestras da República cara unha ensinanza universal e máis profesional (con novos materiais pedagóxicos, algúns deles en galego), e que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil”.

A pesar da súa trascendencia, este cadro non formara parte ate agora de ningunha exhibición ou mostra, máis alá de decorar estancias do Centro Galego de Bos Aires. Precisamente, esta histórica mutualidade vendeuse a unha compañía sanitaria privada tras máis dun século ao servizo, nos seus comezos, dos emigrantes galegos e dos seus descendentes, converténdose nun dos cernes da cultura galega durante moitas décadas.

 
Polémica na presentación do cadro

No acto de desembalaxe da obra estiveron presentes o presidente da Xunta, o vicepresidente do Parlamento e os voceiros de tódolos grupos con representación na Cámara.

No seu discurso, Feijoo eloxiou a obra, como un símbolo “pola man que o pintou, pola súa calidade e pola lección histórica que representa a homenaxe que adica aos mestres”, como defensa da educación fronte ao fanatismo e dun ensino en liberdade como medio de promoción dos valores democráticos. Afirmou tamén que “cando pintou esta obra, a Galicia que quería Castelao só se podía soñar”. Para o presidente do executivo, somos, en gran medida “a Galicia que Castelao soñaba”.  

O seu discurso xerou unha fonda indignación na oposición, especialmente no BNG e En Marea, tanto polo ton do presidente coma polos aspectos obviados, ao non mencionar a Bóveda, non falar do seu asasinato ou non concretar o contexto de exilio e represión en Galicia que dá sentido á obra.

 

Reaccións da oposición

A deputada de En Marea, Ánxeles Cuña, neta de Alexandre Bóveda, negouse a situarse na foto coas autoridades tras escoitar o discurso de Feijoo. Luís Villares, pola súa banda, salientaba a incompatibilidade de expor a obra de Castelao e ao tempo “ocultar o pasado de maneira tan clara, cun exercicio de escapismo e de negación da realidade que viviu este país, pois ignorar o que o cadro representa é tanto como non querer recoñecer a realidade das vítimas do franquismo”. Afirmou contundente que para honrar o cadro de Castelao terían que pasar tres cousas: “Sepultura digna para asasinados en fosas e cunetas, anulación dos xuízos sumarísimos e recuperación do Pazo de Meirás”.    

Ana Pontón, voceira do BNG, visiblemente incómoda, fíxolle saber a Núñez Feijoo que o seu discurso ocultaba e manipulaba e censurou que se limitase a identificar á persoa representada no cadro como “un mestre”, pois “non facer un recoñecemento á realidade e ao protagonista deste cadro resulta ofensivo”. “Parece que Castelao sempre ten que vir envolto de manipulación e de censura”, lamentou, resaltando a importancia de que galegos e galegas coñezan a verdade e non se vivan novos episodios de manipulación.  

Leiceaga aproveitou para manifestar que o PSdeG desexaría que a chegada simbolizase “un maior compromiso futuro da Xunta coa recuperación da memoria histórica, coa atención ás vítimas da ditadura e coa eliminación da simboloxía franquista”. O cadro de Castelao, aseverou, é “unha obra simbólica contra o fascismo e a represión”.   

 

2 thoughts on “‘A derradeira lección do mestre’ chega a Galicia con polémica

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies