“Tribuna Pública”, un espazo de reflexión sobre o futuro dos peiraos da Coruña
O goberno da Marea Atlántica ven de poñer en marcha a denominada Tribuna Pública, “un espazo aberto para a reflexión, participación e intercambio de propostas artísticas, sociais e culturais vinculadas ao futuro dos terreos portuarios da cidade”
Durante a presentación, o pasado sábado, Claudia Delso, concelleira de Participación e Innovación Democrática, explicou que o obxectivo da Tribuna Pública “non é outro que visualizar a relación histórica da cidade e o mar e levar á rúa o debate sobre a recuperación dos terreos portuarios como espazo común e de interese público”.
O goberno local pretende que Tribuna Pública sexa “o espazo dos encontros de organizacións de barrio e entidades locais, asociacións ecoloxistas ou de reivindicación da memoria da cidade” e tamén queren que acolla “eventos culturais de diversa índole ou festas populares, en colaboración coa Universidade da Coruña”. Nese espazo, aseguran, “presentaranse á veciñanza os proxectos seleccionados no concurso de ideas sobre o futuro da fachada marítima”
Soltamos amarras coa #TribunaPublica na praza da Fábrica de Tabacos. Un espazo para resignificar e reconstruir a relación porto-cidade. Unha conversa aberta a múltiples voces e miradas diversas: cigarreiras, percebeiros, artistas, veciñxs, arquitectxs, pensadores.. #GañemosOPorto pic.twitter.com/XCQ2ZKHzG2
— Claudia Delso (@Claudia__Delso) December 9, 2018