https://twitter.com/En_Marea/status/1071759172788781058

Yolanda Díaz di que a Comisión de Garantías non ten competencia para parar as eleccións de En Marea

Durante unha entrevista na Cadena Ser, Yolanda Díaz, deputada por En Marea no Congreso, criticou a paralización das eleccións internas da formación en Galicia, debidas “a unha suposta intrusión no censo electoral”, esixindo que se explicasen os motivos. 

Yolanda Díaz cargou así contra a decisión adoptada pola Comisión de Garantías, que cree “non ten competencias para isto e tomou unha decisión política cando tiña que ser absolutamente neutra”, enfatizando que a lexitimidade para paralizar procesos recae no Comité Electoral, organismo que conta cunha ampla maioría do “sector crítico”, que impulsou a David Bruzos como candidato fronte a Luís Villares. Asegurou tamén que “o necesario é votar dunha vez por todas e que se asuman os resultados”. 

Das competencias da Comisión de Garantías e do Comité Electoral

Ambos órganos son independentes e teñen funcións diferenciadas, constatadas con fontes documentais da propia organización, pois nos documentos da asemblea constituinte, en Vigo, explicitase literalmente que a Comisión de Garantías “será a garante e intérprete da normativa interna e dos acordos plenarios”, mentres que no regulamento para as eleccións cítanse as competencias propias do Comité Electoral, entre as que se atopan, en relación directa co censo “Resolver as distintas queixas, denuncias e irregularidades que se presenten durante o proceso. A este respecto o seu acceso ao censo debe ser coherente con este mandato, en consecuencia: O Comité terá acceso ás fichas obxecto da reclamación. As persoas responsables do censo serán as encargadas de lles dar ese acceso cando proceda sempre respectando a lexislación vixente de protección de datos”.

Fontes de En Marea ratifican a competencia neste asunto da Comisión de Garantías amparándose en que, “de darse a intrusión no censo en época “non electoral”, non cabería ningunha dúbida da competencia, pois o Comité Electoral establecese so para ditos períodos de eleccións, mentres a Comisión de Ética e Garantías encárgase de velar pola igualdade e o cumprimento da normativa”. 

Inxerencias dos partidos

Trala paralización temporal do proceso, tanto dende Podemos, Anova e Esquerda Unida se insistiu recorrentemente en reanudar as votacións á maior brevidade posible, cuestionando a decisión tomada así como os órganos encargados de resolver.

Dende a candidatura “Coidando a casa”, encabezada por Luís Villares, mantiveron sempre o acatamento á decisión da Comisión de Garantías de paralizar a votación mentres non se garantise a limpeza do proceso, mentres a candidatura “Entre todas”, encabezada por David Bruzos, asumiu o relato do Comité Electoral, favorable a continuar co proceso.

David Bruzos, fora unha das caras máis visibles no proceso de primarias de Ourense en Común, votacións que foron anuladas e repetidas. Naquel momento Bruzos defendía a decisión, asegurando que “estaríamos a ratificar unha votación que se fixo de xeito fraudulento, que vulnerou o código ético, os principios de adhesión individual e principios básicos”. 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies