Eduardo Ortiz, Pilar Pascual e Pablo Orge de Podemos Vigo // Imaxe: Podemos-Vigo

Podemos tamén quere acadar máis peso nas mareas das cidades

A nova dirección de Podemos Galicia chega tarde á negociación das candidaturas municipais para as vindeiras eleccións e afrontará a negociación coas mareas urbanas sobre a premisa de acadar peso nas súas listas, que xa contan con aspirantes ás alcaldías.

Avogarán por establecer coalicións sen diluír a súa marca, salvo contadas excepcións, situando o foco sobre as cotas nas candidaturas, pois Podemos celebrará primarias propias para as municipais e logo negociará a integración dos elixidos, como lle ven de prantexar Podemos Galicia á Marea de Vigo.

Na primeira xuntanza do Consello Cidadán Autonómico, Gómez Reino marcaba a folla de ruta a seguir, incidindo en que “Podemos reforce o seu papel nesas alianzas. Iso significa que nos impliquemos dunha forma máis activa. É positivo que o capital non so político, senón tamén electoral de Podemos se visualice nesas iniciativas”.   

“Encaixe” da Marea

Adiantándose á decisión e posicionamento do Consello Cidadán, Podemos Vigo quíxose situar publicamente este martes e a través dun comunicado, reclamaron negociar unha coalición electoral coa Marea de Vigo, que lidera Rubén Pérez e conta con tres concelleiros, asegurando dende a formación morada que a súa folla de ruta “pasa por buscar o encaixe de Marea de Vigo no proxecto de Podemos”. 

O responsable de alianzas con outras forzas políticas, Juan Merlo, indicou que “a fórmula da coalición electoral debe ser o punto de partida das negociacións, co fin de levar ás urnas un proxecto de Podemos que sexa unha alternativa real ao goberno do socialista Abel Caballero. 

Este posicionamento de Podemos Vigo contrasta coas manifestacións do voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, único candidato como cabeza de lista nas primarias que se celebrarán este sábado, quen incidiu na necesidade de “establecer negociacións para ampliar este espazo municipalista”, facendo referencia á importancia de que Podemos ou Equo se sumen ao proxecto, “inda que todo acordo pasaría por unha integración na Marea”.

Situación similar en outros concellos

A situación tamén é similar en Ourense onde tanto Podemos como Esquerda Unida conseguiron paralizar as primarias de Ourense en Común para conseguir postos relevantes na lista. Isto acontecera xa a mediados do mes de setembro e o líder de Ourense en Común amosouse receptivo. Parou as primarias que se ían celebrar e asegurou que non terían problemas en conseguir maior protagonismo cedendo así ante a ameaza de Podemos e Esquerda Unida de presentarse xuntas noutra candiatura electoral.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies