A CIG-Ensino entregoulle á conselleira as principais demandas do profesorado galego

Co aval da campaña de recollida de 12.000 sinaturas, o sindicato acudiu á reunión convocada pola nova titular de Educación agardando poder coñecer propostas para esta nova etapa da Consellería mais o encontro non supuxo ningunha novidade sobre a actual liña de actuación do goberno.

A central sindical aproveitou a rolda de presentación que está afacer a nova titular de Educación da Xunta, Carmen Pomar, para trasladarlle o resultado da campaña #ProfesoradoConDereitos após non recibir ningunha resposta por parte do anterior conselleiro.

“Cambio de persoa pero ningunha mudanza nas políticas” podería ser o resumo da xuntanza mantida fai uns días na delegación da CIG-Ensino, encabezada polo secretario nacional Suso Bermello, coa nova conselleira Carme Pomar.  

Dende a CIG-Ensino lamentan “esa falta de concreción á hora de atender as demandas do colectivo docente por parte da administración, que son de sobra coñecidas polo equipo que ocupa a Consellaría de Educación”.

Aproveitaron a reunión para lembrarlle as demandas máis urxentes como “o decálogo de medidas prioritarias que formou parte da campaña de recollida de sinaturas #ProfesoradoConDereitos levada a cabo este mesmo ano nos 1.200 centros de ensino de país e que van recollidas no programa electoral co que a CIG_Ensino se presenta ás vindeiras eleccións sindicais do 4 de decembro no ensino público non universitario.  

A CIG-Ensino trasladoulle á titular da Consellería a queixa por “levar a información das especialidades a convocar nas próximas oposicións sen o previo contraste e negociación na Mesa Sectorial” volvendo a incidir na necesidade dun estudo previo dunha serie de aspectos.  

Principais demandas do profesorado galego

Entre o decálogo de medidas urxentes atópase a xornada laboral de 35 horas para todo o profesorado, coa recuperación da xornada lectiva máxima de 18 sesións en Secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial e 21 en Infantil, Primaria e Educación Especial, así como a xornada reducida de xuño a setembro; a derrogación da LOMCE e dos seus aspectos máis lesivos, a redución de rateos nas diferentes etapas educativas, a redución da carga burocrática nos centros educativos, ofertas amplas de emprego, limitación da temporalidade do profesorado, un plan especial de atención á diversidade, eliminación das imposicións para a impartición de clases en galego, etc.      

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies