O SLG celebra esta fin de semana en Allariz o III Foro Labrego de Agroecoloxía

O Sindicato Labrego Galego celebra esta fin de semana en Allariz o III Foro Labrego de Agroecoloxía “Camiñando xuntas pola Soberanía Alimentaria”.

O Sindicato Labrego Galego e o Concello de Allariz presentaron hoxe en sociedade o III Foro Labrego de Agroecoloxía, co lema “Camiñando xuntas pola Soberanía Alimentaria”. A presentación contou coa presenza da alcaldesa, Critina Cid, e o concelleiro de Medio Ambiente da vila, Bernardo Varela, e coa presencia de dous labregos en representación do sindicato, María Xosé Castro e Santi Rodríguez.

A elección do Concello de Allariz non foi gratuíta, pois se trata dun municipio que, dende hai anos, aposta claramente por apoiar o desenvolvemento de proxectos labregos no rural para asentar poboación e crear postos de traballo e riqueza. A alcaldesa, Cristina Cid, salientou o feito de poder acoller este Foro de Agroecoloxía en Allariz, pois “é importante para un concello coma o noso que leva moitos anos traballando para darlle valor ao sector primario, para que as producións locais vaian aumentando non só en cantidade, senón tamén para que cada vez haxa máis persoas convencidas e concienciadas de que o futuro pasa por ter producións locais e por consumilas. Por iso, o noso concello teima para que se poñan en marcha no noso territorio moitos micro-proxectos que, ao final, rematen tendo a forza dunha gran empresa a base de sumar. Falar hoxe de poñer o territorio a producir case semella revolucionario, pero debería ser algo normal: poder traballar na terra na que vives e na que queres seguir vivindo”.

Santi Cid explico que “no Sindicato Labrego Galego e na Vía Campesina, levamos moito tempo apostando pola soberanía alimentaria”, explicou Cid. “Pensamos que é un dereito, e case unha obriga moral, que cada pobo teña maneira de alimentarse sen depender tanto do exterior. E pensamos que o único camiño para conseguir isto é a agroecoloxía, porque é a única maneira sostible de facelo”. Trátase dun “camiño longo e difícil”, de aí a necesidade dun evento coma este Foro de Agroecoloxía no que “imos falar e compartir experiencias e ferramentas de traballo para que ese camiño sexa máis doado”.

Pola súa banda, María Xosé Castro subliñou que o Foro, que vai pola súa terceira edición, “xa se está a consolidar como unha cita anual indispensable na Galiza para aquelas persoas que defendemos a soberanía alimentaria e a agroecoloxía”. Esta labrega alaricana quixo aclarar que non se trata dun evento só para xente labrega, senón que “está aberto a toda a cidadanía á que lle interese, como as persoas que practican un consumo responsable. Non é posible que haxa un comercio de proximidade e unha posta en valor dos nosos produtos se non hai un apoio das persoas que consumen e valoran eses produtos”.

Un programa moi completo no que irán da man proxectos locais con outros internacionais ao redor da agroecoloxía

O Foro de Agroecoloxía propiamente dito comezará pola tarde, coa súa apertura por Cristina Cid e a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, ás 16:30 e a palestra “Coñecemos proxectos colectivos agroecolóxicos?” ás 17:00, onde poderemos saber de experiencias que se están a desenvolver dentro e fóra de Galiza como a Asociación Noneomesmo, a conserveira Maskilu, o matadoiro móbil e sala de envasado colectivos de Brión ou a cooperativa vinícola do Ribeiro Cume do Avia.

Outro dos piares do Foro serán os obradoiros prácticos, un o sábado sobre como levar a cabo de maneira óptima traballos colectivos, impartido pola Cooperativa Rexenerando; e outro, xa o domingo, sobre ferramentas prácticas para a viabilidade económica dos proxectos, impartido polo enxeñeiro agrónomo e profesor da Universidade de Córdoba, Jorge Molero Cortés.

Finalmente, entrambos días coñeceremos tamén experiencias colectivas, como a de Urgenci, unha rede internacional que fomenta as comunidades de apoio á agricultura; o Proxecto BOND (Bringing Organisations & Network Development to higher levels in the Farming sector in Europe), que co apoio da Unión Europea está a fomentar o intercambio e construción de redes entre labregos e labregas de diversos países de Europa; ou a Rede Revolta de investigación en Agroecoloxía, que nola presentarán os profesores da USC Emilio Carral Vilariño e Xoán Carlos Carreira.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies