Manifestación de axentes forestais e medioambientais de Galicia // Imaxe: cig.gal

Os axentes forestais desconvocan a folga ao conseguir os seus obxectivos

Anuncian a desconvocatoria da folga indefinida que iniciaran o pasado 25 de xullo tras chegar a un acordo na mesa de negociación coa administración, conseguindo a retirada das “propostas abusivas” que lles pretendían impoñer.

A responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, salienta entre os avances conseguidos que “a xornada máxima anual pase das 2.000 horas que tiñan a 1.665, cos posibilidade de reducir aínda a 1.554 ao ser traballadores/as a quendas”. Conseguiron reducións tamén no número de meses en gardas e nas horas da quenda de noite, e recoñéceselles o dereito a unha suba salarial progresiva en 3 anos e a apertura da posibilidade de flexibilización de xornada para facilitar a conciliación.  

Burgos lembra que “a Xunta pretendía poñer os periodos de garda discrecionais, pero con este acordo conseguimos que a maioría queden prefixados xa do ano anterior. Ademais, a mobilidade funcional, que ata agora era obrigatoria, pasa a ser voluntaria e regulada”. Ao seu ver, o máis importante é o compromiso da Xunta para instar ao estado a que se establezan os coeficientes redutores “para a xubilación anticipada en base á penosidade, toxicidade, traballo nocturno, quendas e especial responsabilidade”.

Quedan pendentes, asegura, “cuestións fundamentais como que se creen, cando menos as 30 novas prazas comprometidas por Feijoo, que se activen as brigadas de investigación dos incendios forestais que se deixaron esmorecer para potenciar aos corpos e forzas de seguridade do estado asumindo deste xeito competencias propias de Galicia, etc”.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies