Antón Sánchez, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz durante un acto de campaña // Imaxe: http://congreso.enmarea.gal

Problemas entre Podemos, Anova e EU para conformar unha lista alternativa á oficial

A entente que quere derrotar a Luís Villares está a sufrir problemas internos que poden provocar que se presenten por separado.

A elección do Consello das Mareas terá lugar a próxima fin de semana pero as listas debense presentar antes de que remate o venres día 23 de novembro e cada candidatura debe estar conformada por 35 persoas, polo que a maioría no órgano de dirección de En Marea estaría situado en 18 cadeiras. E nesa premisa baséanse todos os cálculos dada a igualdade que se prevé na votación.

Con este panorama, no día de onte, desveláronse problemas para a confección da lista alternativa que plantexaban Podemos, Anova e Esquerda Unida. Fontes próximas a esa candidatura indicaron que os desencontros comezaron cando Podemos esixiu copar a maioría dos postos de saída polo peso da súa militancia e porque consideran que deben ser o centro da confluencia ao redor do cal se disporían o resto das organizacións e colectivos.

As esixencias de Podemos non sentaron ben aos seus socios na mesa de confluencia Anova e Esquerda Unida, xa que de darse unha previsible situación de igualdade nos resultados ambas formacións quedarían cun peso específico na dirección moi baixo. Ademais en Anova non sentou ben que se lles tratase ao mesmo nivel que Esquerda Unida xa que dende a formación nacionalista cren que deberan ter máis peso na lista que o partido que lidera Eva Solla.

A formación que lidera Antón Sánchez tería reprochado ademais a Podemos e Esquerda Unida que en realidade eles son unha coalición e que o espazo que conforman é o mesmo, polo que non podían estar negociando dous cupos para reducir o peso de Anova a menos dun cuarto. Os argumentos da formación son que o resparto debe ser o mesmo que rexiu a coalición que se presentou ás pasadas eleccións estatais: o 33% para cada parte polo que a eles corresponderíanlle 6 representantes e que Podemos e Esquerda Unida repartan os 12 restantes como consideren pero, en ningún caso, que se toquen os seus postos polo que a cousa foi a maiores e a formación nacionalista estivo chamando a militantes de distintas localidades para a conformación dunha candidatura alternativa a Podemos, abrindo así a posibilidade de que sexan máis de dúas as listas que se disputen o reparto do Consello de En Marea. Para colmo de males esta posibilidade nin sequera xera un consenso dentro de Anova onde hai dúas visións diverxentes: parte da súa dirección considera que non é grave plegarse ás solicitudes de Podemos e Esquerda Unida xa que non van ter a maioría no novo consello e outra que aposta por non seguirse plegando a Podemos e facer valer o seu peso na confluencia.

As desavenencias non se quedan soamente no número de postos xa que tamén estarían no perfil das persoas que se presentarían. Mentres Podemos aposta porque sexan caras coñecidas do mundo institucional como deputados, concelleiros ou alcaldes Anova considera que o perfil debera ser de cadros orgánicos e liberados para buscar un perfil de traballo no lugar do mediático. Ademais do anterior tamén se xerou algún encontronazo cun tema recorrente dentro do universo En Marea, Paula Quinteiro. Hai voces que reclaman que esta elección sexa unha especie de segunda volta que poida resarcir á deputada anticapitalista. Curiosamente este plantexamento non tería saído de Podemos, formación na que milita a deputada, e non é vista con bos ollos dende a nova dirección do partido morado atopándose en sectores de Anova involucrados na negociación da lista alternativa os maiores defensores da proposta.

Lista oficial

Non está a trascender moito sobre a lista do sector que encabeza Luís Villares. Fontes próximas á súa candidatura indican que o groso da mesma xa está acordado e que a conformación estase a facer con cordialidade entre os colectivos que a integran. Aínda non se saben os nomes que a conformarán pero ninguén dubida que Luís Villares volverá encabezar unha lista na que o seu reto vai ser tentar dar cabida a todas as sensibilidades que conforman o partido instrumental.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies