Imaxe: http://mareatlantica.org/

Os motores auxiliares quérense converter en motores principais

Os documentos fundacionais da formación rupturista establecían que En Marea era un “espazo de confluencia, non é a suma dos partidos políticos de esquerdas senón a suma de cidadáns que se fan protagonistas das decisións políticas” pero, nos case dous anos e medio de existencia da formación, obsérvase unha aposta dos citados partidos por tentar gañar protagonismo e converterse en “motores principais” do proceso.  

En Marea constituiuse como un partido instrumental de adscrición individual e nos seus documentos políticos estableceuse que “non é unha coalición, nin de partidos nin de grupos”, polo que non é de estrañar escoitar a Xosé Manuel Beiras defender en numerosas ocasións, dende o ano 2015 que “os partidos de esquerda deberíamos deixar de guerrear cotas de mercado electoral, coordinarnos e converternos en motores auxiliares das alternativas cidadás, pero non dirixilas”, destacando que hai que “atender menos ao que din os dirixentes e máis ao que din as bases”.  

Para Beiras, xa dende aquela, era necesario “que as forzas rupturistas de esquerdas vaian de forma conxunta pero que os protagonistas sexan os continxentes cidadáns das candidaturas de unidade popular”, insistindo en que “os partidos non poden pretender estar en primeiro plano, ser os protagonistas”.  

Nomeadamente, co gallo das eleccións internas de En Marea, os dirixentes dos partidos políticos que conforman o espazo político fixeron declaracións, en numerosas ocasións, buscando darlle ao seu partido máis protagonismo que a outros, ou mesmo que á cidadanía ou ás bases, no proceso de elección do novo Consello das Mareas.

Dirixentes de Podemos, como o secretario xeral da formación morada en Galicia, Antón Gómez-Reino ou a deputada Luca Chao teñen reclamado en numerosas entrevistas a necesidade de que “Podemos estea no centro do espazo do cambio” ou que “Podemos aporte cadros políticos e orgánicos ao Consello das Mareas”. Para iso, mobilizan á súa militancia para inscribirse en En Marea e votar á candidatura na que participe Podemos. Anova pola súa banda, tamén insta á súa militancia a facer o propio, a pesares de contradicir os prantexamentos de Beiras a este respecto.

A todo isto súmase o desvelado onte pola anterior secretaria xeral de Podemos en Galicia, Carmen Santos, que anunciaba un pacto ao que se chegou na mesa da confluencia no que Podemos, Anova e Esquerda Unida recoñecían un status especial de Podemos dentro de En Marea finiquitando, deste xeito, a idea pregonada meses atrás de motores auxiliares e protagonismo das bases dentro da formación confluente.

2 thoughts on “Os motores auxiliares quérense converter en motores principais

  • Pingback:Problemas entre Podemos, Anova e EU para conformar unha lista alternativa á oficial - O Parte

  • 26/11/2018 at 11:42
    Permalink

    Pódese entender que as forzas políticas non queiran renunciar a un financiamento complementario ás cotas de afiliación que perden se non presentan candidatas ás eleccións, pero iso non pode solventarse -nun espazo que se di de participación horizontal- a través do reparto entre elas de postos nas listas electorais. Fálese abertamente, negóciese, acórdese a forma alternativa de recompensar ese traballo efectivamente achegado á Marea. Que os cartos non sexan desculpa para pór paus nas rodas dun movemento político de cidadanía “amateur”, que non leva un peso e que ve con ilusión que traballando xuntas desde abaixo podemos ser -de momento- a segunda forza política de Galicia.

    Reply

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
A %d blogueros les gusta esto: