Villares e Bruzos comprométense a que non so apareza o nome da candidatura nas votacións

Durante o debate na Radio Galega cos candidatos a liderar En Marea, Luís Villares encabezando a candidatura “Coidando a casa” e David Bruzos a de “Entre todas”, acordaron emprazar ao Comité Electoral para que aparezan nas papeletas tanto o nome da candidatura como das integrantes que compoñen cada lista nas votacións que terán lugar esta fin de semana para escoller ao Consello das Mareas e á Comisión de Garantías.

A Radio Galega ofrecía aos cabezas de lista das dúas candidaturas que se presentan ás eleccións para conformar o Consello das Mareas e a Comisión de Garantías de En Marea a posibilidade de participar nun debate para confrontar propostas e ideas que ambas aceptaron.

Durante a entrevista, Luís Villares afirmaba que lle gustaría falar do contido e programa da súa candidatura e explicar o perfil das integrantes da lista, algo que aseguraba “vai estar dificultado porque a maioría do Comité Electoral decidiu que so apareza o nome da candidatura e non aparezan as listas”. Calificou como “inédito” que non apareza o nome das persoas ás que se vai poder escoller, polo que pediu ao cabeza de lista de “Entre todas”, David Bruzos, “que ambos nos dirixisemos conxuntamente ao Comité Electoral para que rectifique esa decisión, porque a xente ten dereito a saber a que persoas está votando, e desta outra maneira so terán un logo e o nome dunha candidatura, algo que non pasa en ningunha elección”.  Para o cabeza de lista de “Coidando a casa”, os nomes supoñen a representatividade da súa candidatura, “que quixo ser transversal no ideolóxico-político, onde hai xente afiliada a partidos políticos e xente sen afiliación política de ningún tipo, participante dos movementos sociais, do movemento feminista, do movemento veciñal, ecoloxista, sindical, sanitario, social… desde a completa diversidade, participando de mareas de máis de trinta localidades e que pola decisión do Comité Electoral, non se vai poder coñecer no momento de votar”.

Villares apela ao cambio da decisión no Comité Electoral sobre este termo porque contribuiría “a un debate máis sano e a unha decisión completamente informada”.

Pola súa banda, David Bruzos enfatizaba que “todo o mundo ten que ter cabida e sentirse cómodo en En Marea”. Asegurou que “se foron facendo cousas ben neste tempo, algunha haberá que adxudicarllas á actual dirección, outras ao conxunto da comunidade que forma parte deste espazo” para referirse logo aos apoios que percibe no espazo e á participación nos plenarios.

Bruzos asegurou que a súa lista é de integración, e que tralas votacións, a partires do luns, todas as persoas que queiran van a seguir integradas no espazo, pois “contamos con ter unha liña única, e esa liña única esperemos que sexa a nosa proposta”. Aceptou a petición de Luís Villares de emprazar ao Comité Electoral a publicar os nomes das persoas de cara ás eleccións desta fin de semana, non só o nome das candidaturas. 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies