Polémica entre Concello e fábrica tralo incendio en Ence

O Concello de Pontevedra e Ence enzárzanse de novo tralo incendio que tivo lugar o pasado mércores nunha torre de refrixeración, ao acusar o Concello á fábrica de obrar sen licenza municipal e esta negalo.

O goberno municipal xa manifestara en numerosas ocasións, tamén a través de accións xudiciais, o desexo de que Ence abandone as instalacións da ría de Pontevedra, achacándolle un inasumible impacto ambiental.

O incendio declarado na mañá do pasado mércores, dabase por controlado esa mesma xornada sen que houbera que lamentar danos persoais. Segundo confirmaron inicialmente fontes da compañía, “foron os propios mecanismos de resposta do complexo industrial os primeiros en atacar as lapas e controlar o lume, completando despois os bombeiros de Pontevedra a extinción do mesmo.” Dende a fábrica tamén resaltaron que “o fumo non afectou ás poboacións circundantes, pois as cabinas instaladas pola empresa para controlar a calidade do aire non rexistraron ningún parámetro fora do normal”.    

Argumentación do Concello

A tenente de alcalde asegurou que as obras que está realizando Ence carecían da preceptiva licenza municipal, explicando que fai xa varios meses “o goberno local informou da apertura dun expediente de disciplina urbanística contra a empresa pola execución de diversas obras sen licenza”.

Carmela Silva insistiu en que o pasado 7 de novembro unha inspectora municipal acudiu á fábrica e “constatou que se estaban levando a cabo unha serie de obras de mellora da eficiencia enerxética e de integración urbanística. Ao carecer estes traballos de título habilitante municipal cursouse unha orde de paralización da obra”.

Réplica de Ence

A través dun comunicado Ence puntualizou que o incidente tivo lugar “durante traballos realizados para a desmontaxe de equipos obsoletos e que dita operación non leva aparellado ningún tipo de obra civil”, zanxando que “Ence non fai obras ilegais no interior das súas instalacións” e que a compañía “respecta escrupulosamente a lexislación que lle é de aplicación”. Aseguran tamén que “todas as obras civís que Ence-Pontevedra está acometendo se están comunicando pertinentemente ao Concello” e insisten en que “son obras que se realizan ao amparo do Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies