Novos acordos UE-Marrocos poderían obstaculizar as negociacións de paz co pobo saharauí
Nas últimas semanas, a eurodeputada galega Lídia Senra ven denunciando que, logo de que o Tribunal de Xustiza da UE anulara no ano 2015 o acordo de libre comercio asinado entre a UE e Marrocos, e de que no 2018 anulara tamén o acordo pesqueiro, as institucións europeas están a tentar aprobar dous novos acordos que lles permitan seguir aproveitándose dos recursos naturais do pobo saharauí sen renunciar a ter como socio ao Reino de Marrocos, potencia ocupante.
Con este obxectivo están a desenvolver un procedemento coñecido como “intercambio de notas” ao que, en palabras da propia Organizacón das Nacións Unidas “adoitase recorrer por tratarse dun procedemento rápido ou ás veces, para evitar o proceso de aprobación lexislativa”.
A través do rexistro de 23 emendas, Lídia Senra fixo unha compilación dos principais argumentos polos que insta á Coisión parlamentaria a propoñer que o Parlamento Europeo decline o seu consentimento a este acordo.
Senra lembra, en relación ao pobo saharauí, que “o acceso aos seus recursos naturais é precisamente unha das claves do conflito. A explotación dos mesmos sen consentimento do pobo saharauí supón unha violación do artigo 73 da carta das Nacións Unidas”. “A aplicación ilegal do acordo de pesca UE-Marrocos xerou un prexuizo económico para o propio pobo saharauí”, asegura.
Insistiu tamén a eurodeputada en que “a UE non pode pechar os ollos ante as dúbidas expresadas, xa non só por algúns Estados membros, a Fronte Polisario e organizacións sociais, senon mesmo polo propio servizo xurídico do Parlamento Europeo, habida conta das posibles repercusións legais e políticas que podería ter este acordo sobre o exercicio do dereito á libre determinación do Sáhara Occidental”.
A #UE ten que actuar responsabelmente, non pode lexitimar a ocupación de Marrocos a través de acordos comerciais ca potencia ocupante. Se quere pescar nos caladoiros saharauís ten que negociar ca #FrontePolisario. ➡️https://t.co/tgUVqAkhlH #SaharaLivre pic.twitter.com/6uEzvbDZwm
— Lídia Senra (@LidiaSenra) December 3, 2018