2019 comeza con 5.505 persoas en desemprego máis en Galicia

No mes de xaneiro, o paro en Galicia subiu un 3,25%, incrementándose máis que no conxunto do estado.

Mentres no estado o número de desempregados rexistrados nos servizos públicos de emprego situouse en xaneiro en 3.285.761 persoas tras aumentar en 83.464, marcando así o maior incremento dende o 2013, en Galicia situouse en 174.800, incrementándose en 5.505 (3,25%).

Segundo explican dende o Ministerio de Traballo, Seguridade Social e Migracións, “o descenso da afiliación neste período responde ao comportamento habitual deste mes, xa que reflicte o impacto da fin da campaña de Nadal, cun retroceso máis intenso nos sectores do comercio e a hostalería”.  

O aumento do paro deixouse notar a nivel estatal especialmente no sector servizos, que sumou 85.584 parados, seguido da agricultura, con 4.920 desempregados máis e da industria con 1.202 parados máis. O desemprego baixou, pola súa banda, na construción, onde diminuíu en 6.896 desempregados e no colectivo sen emprego anterior, onde baixou en 1.346.  

Valoración dos sindicatos

Para UXT Galicia, o aumento do desemprego “reflicte a estacionalidade do emprego en Galicia e a debilidade do mercado laboral”, polo que demandan de xeito urxente “verdadeiras políticas que protexan ás persoas en desemprego, a derrogación da reforma laboral e potenciar as políticas activas de emprego dende o eido público, atendendo con maior urxencia ás persoas con maiores dificultades para acceder a un emprego de calidade como son as persoas con discapacidade, os maiores de 55 anos os mozos e as mulleres”.   

Para Fran Cartelle, secretario confederal de Emprego da CIG, “estes datos evidencian o continuo deterioro do mercado laboral e o empobrecemento da clase traballadora, condicións que favorecen que Galicia siga a sufrir o drama da emigración, especialmente entre a xente máis nova, tal e como reflicten os últimos datos da EPA”, polo que reitera a “urxente necesidade de lograr a derrogación das contrarreformas laborais que unicamente crean emprego lixo e afondan no empobrecemento e na exclusión social da clase traballadora”.

Cartelle asegurou que “o goberno debería comezar a facer políticas a favor das traballadoras e traballadores, en vez de ser fiel ás políticas en beneficio da oligarquía económica, que o PP acentuou nos últimos anos e o PSOE está a continuar”, polo que fai unha chamada de atención sobre o feito de que “nestes momentos as persoas que malviven co subsidio ou unha Renda Activa de Inserción son máis que as que o fan coa prestación por desemprego”.    

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies