En Marea apraza o seu proceso de eleccións internas por irregularidades

A Comisión de Garantías facía pública onte unha resolución na que ditaminaba a suspensión temporal do proceso de elección ao Consello das Mareas e á Comisión de Garantías por irregularidades no mesmo.

A Comisión de Garantías, órgano que debe velar pola equidade e as garantías democráticas, decidía suspender temporalmente o proceso por unha serie de cuestións postas no seu coñecemento.

Entre esas cuestións, no comunicado feito público polo citado órgano, especificaban “a imposibilidade de acceso ao censo do responsable legal ante a Axencia Española de Protección de Datos durante 24 horas, motivo polo que hai unha auditoría en curso, a imposibilidade técnica para que figurasen na papeleta electrónica os nomes de todas as integrantes das distintas listas que concorren en dito proceso, a imposibilidade técnica de realizar todas as probas de seguridade e as simulacións de voto coa versión da papeleta electrónica definitiva, o descoñecemento dos locais de votación a menos de 24 horas para comezar a votación e a imposibilidade de informar ás persoas inscritas da situación e horarios de apertura dos locais de votación”. Remataba o comunicado informando que unha vez solventadas todas esas incidencias, continuaríase co proceso de votación.

Trala publicación da resolución da Comisión de Garantías, o Comité Electoral, órgano no que os críticos coa actual dirección de En Marea teñen maioría, desacreditou a suspensión, emprazando ás inscritas a continuar co proceso de votación, contradicindo a resolución da Comisión de Garantías.

Reacción das candidaturas:

Dende “Coidando a casa”, candidatura encabezada por Luís Villares, tras coñecer o ditame da Comisión de Garantías, manifestaron a través das redes sociais que asumían esa resolución, enfatizando que “sen garantías, non se vota”.

Dende a candidatura “Entre todas”, en cabezada por David Bruzos, amosaronse, afíns á decisión do Comité Electoral de continuar co proceso a pesares da suspensión temporal determinada pola Comisión de Garantías.      

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies